As eléctricas obtiveron beneficios de 390 millóns dos encoros galegos no ano 2022

As empresas eléctricas lograron dos ríos galegos uns beneficios de 390,8 millóns de euros entre xaneiro e xullo deste ano. As ganancias son superiores ás obtidas no conxunto das anualidades de 2019 e 2020, malia á caída da produción hidráulica nesta primeira metade de 2022 a 2.052.400 megawatts da electricidade.

Encoro dos Peares, entre Carballedo e Pantón (Foto: Nós Diario).
photo_camera Encoro dos Peares, entre Carballedo e Pantón. (Foto: Nós Diario)

As empresas eléctricas obtiveron dos encoros galegos uns beneficios de 390,8 millóns de euros nos sete primeiros meses deste ano. As centrais hidráulicas rexistraron as súas maiores ganancias no mes de marzo con 120,2 millóns de euros e no mes de xaneiro con 100,8 millóns de euros, obtendo os seus peores resultados no mes de xullo con 8,5 millóns de euros e no mes de xuño con 18,3 millóns de euros.

As ganancias das compañías enerxéticas procedentes da electricidade de orixe hidráulica situáronse en máximos históricos entre xaneiro e xullo, superando as cifras das últimas tres anualidades. Así, no total do exercicio de 2019 conseguiron beneficios de 336,3 millóns de euros, cunha xeración de electricidade de 7.055.235 megawatts e en 2020 268,8 millóns de euros cunha xeración total entre xaneiro e decembro de 7.917.906 megawatts/hora.

Neste sentido, un informe redactado polo Colectivo Bidán en 2021 sinalaba que “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre os anos 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”.

Os beneficios

Os beneficios achegados pola electricidade hidráulica ás empresas eléctricas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración. En relación con isto, desde o Colectivo Bidán indican que “son tantos os beneficios que a enerxía hidráulica produce o que no sector son chamados beneficios caídos do ceo”.

A esta realidade contribúe que boa parte das centrais da grande hidráulica, aquelas con máis potencia instalada e con máis capacidade de xeración, levan construídas moitos anos, estando na práctica totalidade dos casos o investimento amortizado.

A produción eléctrica de orixe hidráulica situouse en 2.052.400 megawatts nos sete primeiros meses do ano. Xaneiro, con 561.136 megawatts, e marzo, con 460.121 megawatts, foron os meses de maior xeración, colocándose á cola xullo, con 70.628 megawatts, e xuño, con 124.376 megawatts. Neste sentido, a produción das centrais hidráulicas reduciuse en relación co mesmo período das últimas tres anualidades, como consecuencia da importante seca de 2022 e da política das eléctricas para baleirar os encoros.

A suba do prezo da electricidade explica os extraordinarios beneficios das centrais hidráulicas. Os meses onde se rexistraron unhas cifras máis elevadas foron marzo, cun custo de 283,3 euros megawatt/hora, e xaneiro, con 201,7 euros megawatt/hora, marcando as tarifas máis baixas xullo, con 142,6 megawatt/hora, e xuño, con 169,6 megawatt/ hora. Precisamente, empuxada pola xeración de orixe hidráulica, a luz fixou o seu prezo máis alto no espazo ibérico o 8 de marzo de 2022, cando rexistrou entre as 19 e 20 horas os 700 euros megawatt/hora, a contía máis elevada de toda a serie histórica.

O prezo medio da electricidade situouse no mercado grosista entre xaneiro e xullo en 196,1 euros. Neste sentido, destaca unha alza de 311,9% en relación co exercicio de 2019, onde o prezo medio anual do megawatt/hora marcou 47,68 euros. Asemade, rexistra unha suba de 478,4% fronte a 2020, co prezo medio anual do megawatt/hora en 33,96 euros e de 63,5% en comparación a 2021, cando o prezo medio anual do megawatt/hora estivo en 119,93 euros.

Custos de produción

Os custos de produción dunha central hidráulica son moi reducidos. Atendendo a criterios de prudencia e coincidindo cos datos máis recentes fornecidos pola Confederación Hidrográfica do Ebro (CHE) estarían en 22,04 euros megawatt/hora, correspondéndose 10 euros megawatt/hora cos custos anuais de xeración e 12,04 euros megawatt/hora cos custos anuais de mantemento.

Porén, outros datos achegados por organismos oficiais, reducen esta cantidade. Así, nun estudo de 2008, a Comisión Nacional de Enerxía situaba estes custos entre 3 e 7 euros.

Comentarios