Ferrovial lanza unha segunda aposta pola eólica mariña nas Rías Baixas: Celta II, o sétimo proxecto en augas galegas

Case a metade dos megawatts que está a tramitar o Miteco proxéctanse en territorio marítimo galego.
Proxecto de aproveitamento de eólica mariña de Ocean Winds. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque eólico mariño operado pola compañía Ocean Winds en Escocia. (Foto: Europa Press)

O portal de transparencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) vén de incluír un sétimo proxecto na relación de propostas que está a estudar para a implantación de infraestruturas de xeración de enerxía eólica mariña en augas galegas.

Trátase do parque Celta II, a segunda proposta de Ferrovial na costa da Galiza en materia de produción enerxética. O Miteco aínda non recolle a documentación relativa ao proxecto, mais o que si sabe polo de agora é que contará cunha potencia instalada de 510 megawatts (MW) e que os seus aeroxeradores ficarán nas Rías Baixas.

Con este novo proxecto as augas galegas concentran 4,7 xigawatts (XW) dos perto de 10,3 que se están a tramitar perante o Miteco no conxunto do Estado español, sendo o territorio con máis potencia de eólica mariña solicitada, a través de sete parques.

Celta I é o segundo proxecto en liza de Ferrovial, e estaría conformado por 33 aeroxeradores cunha potencia nominal unitaria de 15 MW, polo que no seu conxunto sumarían 495 MW. O parque ergueríase a uns 25 quilómetros da costa mariñá, fronte a Burela.

Galwind —Grupo Cobra, 1 XW—, San Cibrao —Iberdrola, 490 MW—, San Brandán —ídem—, Nordés —BlueFloat, 1,2 XW— e Volanteiro —Capital Energy, 510 MW— son os outros nomes que completan a relación de proxectos de eólica mariña que se atopan en diferentes fases de tramitación perante o Miteco.

De se autorizaren os sete parques que se prevén situar en augas da Galiza, o país posuiría 7,8% da potencia instalada prevista para o ano 2030 en toda a Unión Europea —60 XW— e até 2,1% dos 228 XW proxectados a nivel mundial pola Axencia Internacional de Enerxías Renovábeis (Irena, en inglés). Aliás, superaría con folgura o obxectivo marcado a nivel estatal para ese ano: entre 1 e 3 XW.

Segundo proxecto nas Rías Baixas

Alén do proxecto Celta II que vén de recoller o Miteco, o parque eólico Volanteiro, de Capital Energy, situaríase tamén nas Rías Baixas, a uns 30 quilómetros da costa viguesa, e prevé a instalación de 34 muíños nunha área de 95 quilómetros cadrados, cunha potencia instalada total de 510 MW.

Plataforma experimental

O Goberno galego anunciou a finais de setembro a autorización da primeira plataforma experimental de eólica mariña, que se situará a dez quilómetros do porto exterior da Coruña e contará cunha potencia instalada de 30 megawatts (MW). Esta infraestrutura servirá para recadar datos sobre a súa capacidade de produción enerxética de cara ao futuro desenvolvemento do sector, pendente aínda da aprobación, por parte do Goberno español, do regulamento desta industria.

Comentarios