A IX Ruta do Albariño tributa o desaparecido Ernesto Falcón

O certame ciclista arranca mañá en Meaño
Ernesto Falcón (esquerda) faleceu o pasado mes de decembro. (Foto: FCG).
photo_camera Ernesto Falcón (esquerda) faleceu o pasado mes de decembro. (Foto: FCG).

O Concello de Cambados acolle desde esta quinta feira a novena edición da Ruta do Albariño, considerada como "a segunda proba máis importante do Estado en categoría júnior", tal e como afirmou o concelleiro de Deportes local, Fernando Patricio, na presentación da carreira.

Organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG), todas as institucións implicadas -Concello de Cambados, Secretaría Xeral para o Deporte e Deputación de Pontevedra- uniron forzas para honrar o legado do gran impulsor desta proba, Ernesto Falcón, falecido o pasado mes de decembro. 

"Organizar probas de varias etapas e de varios días para as categorías de formación converteuse na súa obsesión. E desde hai unha década conseguiu plasmalo coa Ruta do Albariño. Agora, a Federación dá continuidade ao soño dunha figura clave do ciclismo galego e estende a tres os días de competición do evento", explican desde a FCG.

Configurada en tres etapas cos concellos de Meaño e Cambados como epicentros, cun total de 20 equipos estatais e internacionais nun pelotón de 140 corredores, a Ruta do Albariño arranca mañá ás 17 horas cunha cronoescalada de tres quilómetros que unirá Meaño co Alto do Busto.

Xa o sábado, 18 de xuño, a partir das 13 horas, comezará unha segunda etapa con saída e meta en Meaño que decorrerá por Barrantes, Mosteiro, Ribadumia, Cambados, Dena, Vilalonga, A Lanzada, Sanxenxo e Samieira. En total serán 97 quilómetros co Monte Bouza como dificultade montañosa máxima, a 17 quilómetros de meta. 

Finalmente, o domingo disputarase a terceira e derradeira etapa, que ten 112 quilómetros de percorrido estruturados nun circuíto por Cambados, Pontearnelas e Leiro, incluíndo unha subida ao Alto do Busto.

A Copa Galiza Máster, na Ribeira Sacra

Este domingo, 19 de xuño, remata a Copa Galiza Máster no Gran Premio da Ribeira Sacra, organizada polo Club Ciclista Chantadino. Os 200 corredores participantes terán que percorrer un circuíto de 80 quilómetros que partirá de Monforte de Lemos ás 11 horas da mañá e rematará na rampla de San Vicente. Alí, os líderes -Samuel García, Israel Freire e Miguel Agragán- tratarán de fechar o seu triunfo no campionato.

Comentarios