xoves 16/09/21

A viguesa Susana Rodríguez logra o ouro en triatlón nos Xogos Paralímpicos

Susana Rodríguez imponse con autoridade na proba de triatlón nos Xogos Paralímpicos de Tokio, con máis de catro minutos de vantaxe sobre a segunda, e logra o ouro olímpico que lle faltaba ao seu brillante palmarés
A atleta viguesa Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loehr, cruzan a liña de meta na proba de triatlón (Foto: John Walton/PA Wire/dpa)
A atleta viguesa Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loehr, cruzan a liña de meta na proba de triatlón (Foto: John Walton/PA Wire/dpa)

A médico e deportista viguesa Susana Rodríguez xa ten o ouro olímpico que tanto desexaba. O prezado metal chegou após dominar a proba de triatlón desde o principio. Pouco a pouco, ela e a seu guía, Sara Loehr, fóronlle gañando terreo ás súas perseguidoras, pero foi no tramo a pé onde marcou as diferenzas. Rematou a proba en 1:07:15, con case catro minutos de vantaxe sobre a italiana Anna Barbaro, medalla de prata, e catro minutos e medio sobre a francesa Annouck Curzillat, que levou o bronce.

A triatleta viguesa, que aínda ten pendente a proba dos 1.500 metros de atletismo, suma así un novo ouro ao seu brillante palmarés, o primeiro olímpico. Cumpre así a meta fixada hai cinco anos nos xogos de Rio de Xaneiro, onde foi quinta nesta proba, de conquistar o caixón máis alto do podio.

Nos últimos mundiais, Rodríguez obtivera dous ouros e un segundo posto en tres edicións consecutivas. O mérito desta medalla é maior polo inxente traballo da deportista galega dentro e fóra das pistas, xa que, como médico, tivo que lidiar tamén coa pandemia, o que lle supuxo un esforzo extra para planificar a súa preparación de cara aos Xogos Paralímpicos de Tokio.

A atleta viguesa ten agora por diante a participación na proproba eliminatoria dos 1.500 metros. O resultado desa proba, condicionado polo cansanzo, xa é o de menos. O ouro xa vén para Galiza.

comentarios