A Federación sortea mañá o calendario da liga feminina

Dúas semanas despois da suspensión do CSD.
Rubiales apúntase un tanto: o Goberno falla ao favor da RFEF. (Foto: Europa Press).
photo_camera Rubiales apúntase un tanto: o Goberno falla ao favor da RFEF. (Foto: Europa Press).

Se esta terza feira en Nós Diario informabamos de que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) emprendería accións xudiciais por considerar ilegais as Bases de Competición da nova Liga Profesional de Fútbol Feminino (LPFF), agora o organismo presidido por Luís Rubiales volve ser protagonista do culebrón que acompaña a creación da competición desde a súa oficialización, o pasado 14 de marzo.

Nesta ocasión a causa é o sorteo do calendario da Primeira División, que finalmente se levará a cabo mañá, 12 de agosto, no Salón Luís Aragonés da Cidade do Fútbol das Rozas (Madrid), dúas semanas despois de que o Consello Superior de Deportes (CSD) suspendera o inicialmente previsto para o 26 de xullo ante a "presenza de discrepancias" entre RFEF e LPFF.

Nun comunicado, a Federación critica "a inxerencia da Liga Profesional de Fútbol Feminino", que provocou que o sorteo do calendario da máxima categoría vaia ter lugar "16 días despois da data inicial fixada pola RFEF". "Lamentamos que se pospuxera o sorteo do calendario da Primeira División do fútbol feminino tras presentar a LPFF un conflito de competencias que atrasou toda a actividade dos clubs e prexudicou ás xogadoras e a todo o fútbol feminino", engadiu.

O organismo reitor do fútbol a nivel estatal reprobou tamén a reacción da LPFF, solicitando un sorteo para o día de onte "con menos de 24 horas de marxe organizativa", logo do requirimento do CSD a ambos os entes en conflito para que executasen canto antes e de "forma coordinada" o sorteo do calendario.

"Aqueles que estean minimamente relacionados con eventos destas características coñecen que levalos a cabo con todas as garantías requiren outras marxes, dados os tempos que esixen os tratamentos informáticos para a configuración dos persoais e a introdución dos condicionantes", criticou a organización dirixida por Rubiales.

Así, a RFEF, unha vez "activados todos os protocolos internos para o correcto desenvolvemento do sorteo", anunciou que o levará a cabo o 12 de agosto no salón Luís Aragonés das Rozas ás 12 horas, aproveitando ademais para lembrar que é a encargada de efectuar "todos os sorteos" en "todas as categorías".

Comentarios