PREVIA | Dépor, Rácing, Pontevedra e Celta B, obrigados a gañar

A xornada futbolística desta fin de semana trae consigo partidos de gran transcendencia para os representantes da Galiza na Primeira Federación masculina e feminina.
 
A grande atracción da xornada é o Real Madrid B-Rácing de Ferrol. Terceiro contra quinto buscan consolidarse nos 'play-off'.  (Foto: Real Madrid CF).
photo_camera A grande atracción da xornada é o Real Madrid B-Rácing de Ferrol. Terceiro contra quinto buscan consolidarse nos 'play-off'. (Foto: Real Madrid CF).

O Real Club Celta, convertido por obra e graza de Javier Tebas en -como dirían os ianquis, Mister Friday Night, pois leva tres datas consecutivas xogando na noite da sexta, razón pola cal non podemos ofrecer nestas liñas a crónica do seu partido ante o Mallorca, abriu onte unha maratón de partidos da que Rácing de Ferrol e Deportivo da Coruña collerán a remuda no día de hoxe.   

A escuadra departamental visita Valdebebas para colisionar cun rival directo polos postos de play-off, o Real Madrid B. O filial branco -dirixido por Raúl González Blanco- é terceiro con seis puntos mais que os Diaños Verdes, que de gañar darían por fechada definitivamente a crise de xogo e resultados que os levou a perder tres partidos consecutivos. Porén, o adestrador ferrolán, Cristobal Parralo, enviou á afección unha clara mensaxe para non infravalorar un rival que, a pesar da "xuventude" dos seus homes, é "un gran equipo".

En canto remate o Real Madrid B-Rácing, ás 19 horas da tarde, botará a rodar o balón sobre o céspede de Riazor co gallo do Dépor-Maxadahonda. Logo da dolorosa derrota co Alcorcón, o conxunto branquiazul precisa reconciliarse cos tres puntos se non quere non só distanciarse aínda máis do liderado e, polo tanto, do ascenso directo, senón mesmo dos postos de promoción.

Non obstante, na rolda de prensa previa ao partido o seu técnico, Óscar Cano, deixou claro que aínda que o vestiario está "moi fodido" polo tropezo de Alcorcón, tamén é consciente de que "queda toda a segunda volta por diante para recortar puntos".

O terceiro conxunto galego na táboa, o Celta B -oitavo con 27 puntos, a seis dun play-off que fechan precisamente Rácing e Deportivo con 33 e 35-, terá enfronte mañá ás 17 horas en Balaídos o seu máis inmediato predecesor, Linares Deportivo, polo que un triunfo daría continuidade a esa loita por recuperarse dun mal comezo de liga e que levou aos rapaces dirixidos por Claudio Giráldez a sumar 17 puntos dos últimos 24 posíbeis. 

Por último, o Pontevedra, sumido en postos de descenso tras perder contra dous equipos que, como a entidade granate, tamén pelexan por salvarse, necesita imperiosamente gañar mañá ás 12 ao Linense.

O obxectivo é facer bo ese vello tópico -lamentabelmente xa desmentido estatisticamente en ocasións anteriores nestas mesmas páxinas de Nós Diario- de "a adestrador novo, vitoria segura", pois logo do cese de Antonio Fernández Rivadulla o do Linense suporá o debut de Toni Otero á fronte da escuadra do Lérez. Até esta mesma semana, o que fora mediocampista do Pontevedra na segunda metade dos 90 e a primeira parte dos 2000 viña exercendo como director deportivo.

Dépor-Cacereño, choque na cabeza da liga feminina

No referente ao fútbol feminino, o Deportivo, único equipo galego na Primeira RFEF, busca o seu terceiro triunfo seguido ante un rival extremadamente complicado, un Cacereño que quere recuperar o liderado que agora ocupa a escuadra branquiazul e do que está a tres puntos.

O duelo galego-estremeño desenvolverase en Abegondo desde as 12 horas de hoxe, un choque moi especial, ademais, porque o Dépor busca "demostrar" que o 4-0 que apañou a mans do Cacereño na primeira volta foi tan só "un accidente", tal e como manifestou a preparadora herculina, Irene Ferreras.

Comentarios