As traiñeiras galegas renuncian a competir no Campionato de España

É o terceiro ano consecutivo en que as embarcacións de Galiza descartan participar nesta proba,.

Traiñeira Tirán
photo_camera Traiñeira Tirán

Castro Urdiales (Cantabria) acolle esta fin de semana a 69 edición do Campionato de España de Traiñeiras, unha edición á que, por terceiro ano consecutivo, renuncian acudir as embarcacións galegas. As traiñeiras galegas, porén, si que van competir esta fin de semana, mais non o van facer en augas cántabras mais na Coruña, no Trofeo Teresa Herrera, no que van estar presentes tamén Tirán e Cabo de Cruz, representantes galegas na Liga ACT.

No Campionato de España participan 8 embarcacións, dúas por cada federación (Vasca, galega, cántabra e asturiana). As dúas galegas serían as que atinxiron os dous primeiros postos no campionato galego, é dicir, Cabo e Tirán. Ao renunciar, as prazas serán ocupadas por outras embarcacións doutros territorios. Entre as traiñeiras que van estar nesta 69 edición está Urdaibai, vixente campioa, Hondarribia (líder na ACT), Kaiku, Ziérbana ou Astillero. A renuncia galega vén motivada pola longa distancia e custo económico de tomar parte nun campionato como o destas edicións, na fronteira entre Cantabria e Euskal Herria, en plena tempada. Unha proba que non contén premios en metálico nin paga  dietas aos participantes.

Catro bandeiras para Galiza.

O Campionato de España realízase desde 1944, gañando os cántabros de Pedreña a primeira edición. A traiñeira de Orio é a que máis bandeiras deste campionato acumula, 15. Galiza ganou en catro ocasións esta cita, 3 a traiñeira de Tirán e 1 a de Moaña. En total, Galiza acumula 41 medallas: 4 ouros, 12 pratas e 25 bronces.

No 2015 Urdaibai foi a vencedora, revalidando así o título acadado en 2014 e logrando 'Bou Bizkaia' a terceira bandeira da súa historia nesta competición. 

Comentarios