As seleccións galegas de balonmán sacan músculo antes do Estatal

Éxito Irmandiño no Torneo Deputación da Coruña.
O futuro está garantido no balonmán galego. (Foto: FGB)
photo_camera O futuro está garantido no balonmán galego. (Foto: FGB)

O I Torneo Internacional Deputación da Coruña, que se disputou durante tres días en Santiago de Compostela coa participación das seleccións da Galiza e Asturias das categorías infantil, cadete e xuvenil —masculinas e femininas—, así como dos combinados do Porto luso e varios clubs galegos, deixou varios triunfos para as distintas Irmandiñas.

As modalidades nas que se produciu ese triunfo da Irmandiña foron a infantil masculina, cadete masculina, cadete feminina, xuvenil masculina e xuvenil feminina.

Os resultados foron moi positivos para as seleccións galegas, que venceron en cinco das categorías e só quedaron na segunda posición en infantil feminino, confirmando as boas expectativas de cara a un Campionato de España que se levará a cabo do 3 ao 8 de xaneiro en Benidorm.

Éxitos de Atlético Guardés e Balonmán O Porriño

Cambiando as categorías de base pola absoluta, os dous mellores equipos do país no balonmán feminino certificaron senllos triunfos no seus últimos compromisos.

No caso do Guardés, este tivo lugar fronte ao JuRo Unirez neerlandés no marco da EHF European Cup, a quen superou por un contundente 17-35, un resultado que permite ás do sur da Galiza avanzar até os oitavos de final do torneo continental.

E no caso do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, este continúa demostrando partido a partido porqué é un dos combinados máis en forma do conxunto do Estado, pois ante o Grafometal A Rioxa conseguiu a súa quinta vitoria consecutiva (26-21).

As xogadoras dirixidas por Ismael Martínez volveron estar brillantes, en especial o tridente Manela Valles, Sarai Samartín e Paulina Buforn, que marcaron seis goles cada unha.

Comentarios