OFICIALIDADE

A selección galega de fútbol gaélico fai historia viaxando a Lorient para medirse a Bretaña

Os xogadores que dirixe Carlos Seco, que están recoñecidos como selección oficial, devolven a visita que os bretóns realizaron a Narón hai un ano, con vitoria galega. O partido xógase este domingo.

selección de fútbol gaélico
photo_camera selección de fútbol gaélico

A excepcional presenza dunha selección galega oficial nun encontro disputado no estranxeiro farase realidade este domingo en Lorient, cando o combinado de fútbol gaélico se medirá ao de Bretaña durante o famoso festival céltico que alí se celebra.

O fútbol gaélico de Galiza -un deporte popular que é o referente nacional en Irlanda e leva tres anos de desenvolvemento no país cun enorme éxito- sobe así outro chanzo alcanzando un nivel case inédito como o da internacionalización total xogando a domicilio.

Case vinte serán os xogadores que se desprazarán -grazas ao seu propio esforzo- até Lorient para medirse aos locais nun partido que devolverá a visita que os bretóns fixeron a Galiza o ano pasado, cando ambos conxuntos se mediron en Narón no que era a estrea da selección galega, que derrotou aos visitantes por 23 a 17. Segundo o adestrador Carlos Seco “nesta ocasión será moito máis complicado repetir a vitoria pero por nós non vai quedar”.

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico está recoñecida de xeito oficial e internacional pola GAA, conta con tres equipos masculinos e tamén comeza a crear os femininos, até o punto de que tres xogadoras do Fillas de Breogán da Coruña foron chamadas pola selección europea para xogar en Irlanda. A maiores, o fútbol gaélico en Galiza tamén conta con outros clubs, de carácter mixto.

Comentarios