Trío de galegos no Tavira, un dos grandes do ciclismo en Portugal

Por outra banda, presentouse en Compostela o XIX Ciclocross Cidade de Santiago, que se desenvolverá no estadio Vero Boquete na vindeira terza feira a partir das 10 horas.
ciclismo_samuel_blanco_web
photo_camera O ciclista redondelán Samuel Blanco (Foto: Nós Diario)

O ciclista de Chapela Samuel Blanco dá o salto ao profesionalismo e a próxima campaña militará no Sporting Tavira portugués. O redondelán, vixente campión estatal de elite co GD Supermercados Froiz de Poio, acompañará no equipo luso ─un dos tres mellores do país veciño─ o corredor da Estrada Álex Marque. Tamén o arousán Gustavo César Veloso, que deixa o W52 Porto, equipo co que esta tempada foi segundo na Volta de Portugal.  

Precisamente, a incorporación de Blanco procura dar apoio na montaña a Veloso, que pretende imporse na rolda lusa deste ano co Tavira. Branco xa fixera parte dun equipo portugués no pasado, mais desta volta farao nun dos da terna máis potente do pelotón en Portugal.

Como corredor amateur a súa carreira estivo chea de éxitos, e na actualidade traballará para se consolidar como profesional. Tamén desde o até agora o seu equipo quixeron desexarlle sorte para "continuar demostrando o gran rendemento que pode sacar como fixo este ano no Super Froiz". "Pola nosa banda, darlle os parabéns e que consiga moitos éxitos e goce do profesionalismo", sinalaron desde o clube.

Ciclocross

Por outra banda, presentouse en Compostela o XIX Ciclocross Cidade de Santiago, que se desenvolverá no estadio Vero Boquete na vindeira terza feira a partir das 10 horas. Esta clásica proba, que hai 20 anos que se vén disputando na capital do país, correspóndese coa terceira xornada puntuábel da Copa Galiza de Ciclocross. Tamén puntúa para a Copa de España.

As competicións realízanse en catro mangas diferentes. A primeira, ás 10 horas, de cadete masculino e feminino. A segunda de máster 50/60 e 30 ás 10.45 horas; a terceira, de máster 40 ás 12.45 horas; e a cuarta e última, a competición júnior e elite sub23, tanto na modalidade masculina como na feminina, está previsto que arranque ás 14 horas.

O ciclocross é unha disciplina ciclista, nacida a principios do século XX, que consiste en realizar un determinado número de voltas a un circuíto con tramos de asfalto, camiños, prados e terreos enlamados, e cunha serie de obstáculos (naturais ou artificiais) que obrigan a persoa participante a baixar da bicicleta para podelos sortear. 

Debido ás súas características dispútase unicamente no outono e no inverno. Na Galiza, a tempada profesional é de setembro a febreiro. Neste caso, o evento abarca unha área de 15.000 metros cadrados, en que se distribúen as diferentes zonas delimitadas e os controis de acceso.

Comentarios