O Ézaro volve ao calendario Gran Fondo das World Series UCI

A proba estreará percorrido neste 2022
Roberto Heras será unha das grandes atraccións da proba (Foto: Nós Diario).
photo_camera Roberto Heras será unha das grandes atraccións da proba (Foto: Nós Diario).

O Gran Fondo Ézaro regresa o próximo 10 de xullo ás estradas da Costa da Morte, e faino de novo como única cita Gran Fondo World Series no Estado español e cun novo percorrido que levará ao pelotón até Fisterra e no que se ascenderá o Muro de Ézaro non unha, senón dúas veces.

Estes son algúns dos principais cambios que a organización do Gran Fondo Ézaro propón para esta edición 2022, que pretende ser "un regreso ao grande" tras dous anos de dificultades motivadas pola pandemia, un deles coa cancelación da cita e o outro con restricións ao movemento que motivaron que non fose World Series.

Nesta ocasión, a cita si regresa ao circuíto internacional da UCI como proba incluída entre as puntuábeis das World Series de Gran Fondo, "co obxectivo de levar Ézaro e o ciclismo na Galiza ao panorama internacional e atraer corredores doutros puntos do planeta", destacaron desde a organización, que puxo en valor que o dorsal número 1 será para o histórico ciclista salmantino Roberto Heras, catro veces campión dunha Vuelta Ciclista a España na que subiu sete veces ao podio. 

Os detalles desta cita presentáronse nun acto que tivo lugar no Hostal dous Reis Católicos de Compostela, e no que estiveron presentes organizadores e patrocinadores, así como os ciclistas Samuel Blanco, Alex Marque e Gustavo César Veloso, que se enfrontarán en xullo ao Muro de Ézaro.

Alí, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, incidiu no importante activo turístico que supón o ciclismo para Ézaro e para o conxunto da Costa da Morte, e aplaudiu o escaparate perfecto que é o Gran Fondo Ézaro. Pola súa parte, o deputado de Promoción Económica da Deputacion da Coruña, Blas García, puxo en valor o "revulsivo impresionante que supoñen citas como o recente O Gran  Camiño ou o Gran Fondo Ézaro, ferramentas inmellorábeis de proxección económica da Costa da Morte".

A selección galega abre a Volta a Portugal do Futuro

Frío debut para a Irmandiña na primeira etapa da Volta a Portugal do Futuro. Alí, a selección galega de ciclismo non foi quen de colocar ningún corredor entre a cabeza da etapa inaugural -que se adxudicou Pedro Silva (Glassdrive)-, e ocupa o último posto na clasificación por equipos.

Comentarios