O Gran Premio do Albariño volve tras parar os dous últimos anos

A carreira homenaxeará o desaparecido Ernesto Falcón

As medidas político-sanitarias a raíz da pandemia da Covid-19 cancelaron o Albariño de 2020 e 2021. (Foto: FCG).
photo_camera As medidas político-sanitarias a raíz da pandemia da Covid-19 cancelaron o Albariño de 2020 e 2021. (Foto: FCG).

Este sábado, día 9 de xullo, o ciclismo galego recuperará unha das súas probas máis sobranceiras. Tras dous anos de parón a causa da pandemia, o Gran Premio do Albariño regresa para vivir no casco urbano de Cambados a súa LII edición.

Farao sen cambios na forma, cun circuíto polas rúas da vila arousá de 1,1 quilómetros e saídas para todas as categorías de formación do deporte das dúas rodas, desde promesas a xuvenil, pasando por principiantes, alevín, infantil e cadete, o que implica que os corredores e corredoras deberán cubrir diferente número de voltas.

"No fondo, o Gran Premio do Albariño regresa anovado. Anovado polo espírito do home que o xestou, o alimentou e o mimou durante os seus primeiros 51 anos, coa conciencia de que coidar das novas camadas permitiríalle ao ciclismo galego vivir mil primaveras máis. E por iso, de común acordo entre o Club Ciclista Cultural Cambados, a Federación Ciclismo Galego e o Concello, a proba pasa a ser desde este ano o Gran Premio do Albariño-Memorial Ernesto Falcón Padín", apuntan desde a organización da carreira.

O salón nobre do consistorio cambadés serviu onte de escenario para a presentación dun certame no que se prevé a presenza de entre 150 e 200 ciclistas, sen descartar mesmo a participación dalgún conxunto portugués. O horario adiouse das tradicionais 17 horas ás 18.30 "coa fin de esquivar a calor e tamén de animar ás familias dos corredores a quedar a cear en Cambados".

O alcalde, Samuel Lago, e o seu concelleiro de Deportes, Fernando Patricio, quixeron agradecerlles o seu traballo á Federación Ciclismo Galego e ao CCC Cambados, encabezado polo seu novo presidente, Tito Fariña, pero sobre todo, á figura de Ernesto Falcón Padín, representada no acto pola súa viúva, Rosa, e polo seu fillo pequeno, Óscar.

I Trofeo Concello de Redondela elite e Sub-23

Máis de 100 deportistas procedentes de 10 equipos galegos e catro de León e Portugal serán da partida na I edición do Trofeo Concello de Redondela, un evento que se desenvolverá en dúas mangas de carreira de fondo e unha sempre espectacular proba de eliminación

Deste modo, o vindeiro 9 de xullo, desde as 16 horas, Redondela tornará no punto de atención do ciclismo nacional nas categorías elite e Sub-23 grazas a un "enorme esforzo organizativo" levado a cabo polo Retelec Team Cycling Galiza que a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lle agradeceu durante a súa presenteación. A mandataria tamén puxo de relevo a "importancia" que ten este trofeo, "que unha vez máis pon Redondela no mapa dos grandes eventos deportivos".

A proba disputarase sobre un circuíto urbano de 2.5 quilómetros no que, primeiramente, será a quenda de dúas mangas de fondo que obrigarán aos corredores a dar 25 voltas ao percorrido, distribuíndose nunha os que conten con dorsais rematados en número par e noutra os impares. 

Os 15 primeiros de cada unha das mangas pasarán á unha carreira de eliminación de aproximadamente 30 voltas, unha modalidade visualmente moi interesante para a persoa espectadora na que o corredor que atravese unha liña de meta que estará situada na Avenida de Alfonso XII en última posición quedará fóra "dun espectáculo deportivo que fará gozar ás afeccionadas e afeccionados", prometeu a alcaldesa.

Comentarios