Sabes como se lle chama na India á billarda?
O desenvolvemento e promoción da billarda, tamén chamada estornela, como deporte está a ser exponencial nos últimos anos polo traballo que está a realizar a asociación Billarda Galicia, que organiza cada tempada a Liga Galega de Billarda. Nestes últimos anos, a través das redes sociais (Facebook, Instagram e Tik Tok), ademais de informar dos resultados de cada xornada na Conferencia das Rías Baixas e na Noroeste, mostran as actividades que realizan e difunden as súas regras.
A partir de 2025 comezaron a moverse máis en Tik Tok coa intención de achegarse a outros países. O membro do Comité Técnico da modalidade deportiva de Billarda da Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA), Xan Rodiño, explica a Nós Diario que desde o 26 de febreiro un dos vídeos que subiron “fíxose viral, chegando a ter máis de 1,5 millóns de visitas”.
Desde ese momento, asegura, comezaron a chegar “moitas mensaxes procedentes de 36 países de todo o mundo”. Facendo un reconto dos comentarios na rede social viñeron, entre outros de territorios tan distantes como Rusia, Paquistán, Afganistán, Kurdistán, Nepal, India, Vietnam, Sri Lanka, Thailandia, Filipinas, Líbano, Irán, Kosovo, Bulgaria, Turquía, Ucraína, Grecia, Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña, Países Baixos, Chipre, Bulgaria, Arxelia, Antártida, Somalilandia, Kenia, Sudán ou Cuba.
Os nomes da billarda
Un dos achados que atopou Rodiño nas mensaxes foi o dos diferentes nomes que lle dan noutros países. Así, constou que lle chaman Gulli Danda na India; Tipcat no Reino Unido; Dandi-Biyo, no Nepal; Alak-doulak, en persa; Pathel Lele, en indonesio; Çelikçomak en turco; Țurca, en romanés; e S-cianco, Lippa, mazz e piuzz na zona napolitana de Italia.
"Non é doado, na maior parte das veces, descifrar os nomes posto que veñen en linguas moi dispares", apunta Rodiño, que non descarta facer, co tempo, algún tipo de estudo con todo o material que se reuniu a partir das máis de 3.000 mensaxes recibidas. "A maior parte eran de Asia, e mesmo cren que o xogo é orixinario dese continente", relata. En concreto, refírese á India "sobre todo no norte e os países que se sitúan nesa zona". Entre as características que atopou nas persoas que se puxeron en contacto a través da rede social "comentaron que era un xogo que practicaban na súa infancia".
Había casos que procedían do país de orixe e outros que se comunicaban desde a emigración "moitos desde Europa", apunta. Porén, en ningún dos casos informaban de que existise unha liga tal e como acontece na Galiza. "Sorprendíanse do noso caso e mesmo chegaron a insinuar que non estaría mal crear outras para propor algún día que sexa olímpica", sinalou.
Billarda en Euskal Herria
As redes sociais de Billarda Galicia tamén foron quen de pór en contacto persoas galegas emigradas, neste caso en Euskal Herria, a través da billarda. Comunicáronse desde Ermua para pedir información de deportistas desta modalidade nesa zona. "Cadrounos que nos torneos que organizamos polo verán en San Xoán de Río e Maceda de Trives (Terra de Trives) había moita xente de Eibar, a poucos quilómetros da zona de Ermua.
"Xa teñen o contacto mutuo, agora é cuestión de que acorden quedar para iniciar algo que podería ser moi bonito para a billarda", propón Rodiño.

