O Porriño e Atlético Guardés despídense dos seus obxectivos estatais e europeos

Elxe e Antalya, respectivamente, superaron ambos os equipos da Galiza
O mito do 'inferno turco' tornou en realidade para o Guardés. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O mito do 'inferno turco' tornou en realidade para o Guardés. (Foto: Atlético Guardés).

O balonmán galego sufriu un duro golpe nas suas ambicións de títulos logo da eliminación do Atlético Guardés na Copa de Europa e do Porriño no play-off ligueiro.

A escuadra miñota quedou a un só chanzo de subir ao máis alto do podio continental tras caer goleado no partido de volta da final da Copa Europea ante o Antalya turco nun ambiente absolutamente hostil.

O Guardés aterraba en Anatolia cunha considerábel vantaxe de seis goles, mais un arrasador inicio do combinado otomano anulouna en cuestión de minutos, chegando ao final da primeira parte nove arriba (16-7).

Na segunda parte, o conxunto do sur da Galiza mellorou as súas prestacións cunha defensa aberta e activa, pero as turcas optaron por atacar con sete -sen porteira- para anular esa reacción galega. 

Así, a distancia mantívose durante varios minutos arredor dos dez goles, que non minguaban porque a porteira rival, Imagoglu, rozou a perfección baixo os paus da portaría do Antalya Konyaalti BSK. A única que foi quen de poñela en apuros, e desde os sete metros, foi a sempre perigosa Sandra Santiago.

Co decorrer do reloxo as forzas foron minguando, e tamén a fe na remontada. Deste modo, e co paso dos minutos, o soño europeo do Atlético Guardés diluíase, o que aproveitaron as xogadoras turcas para ampliar a diferenza no electrónico do Antalya Sports Hall até o 33-20 final.

Con todo, este tropezo non significa o final da tempada para as subcampioas da Copa Europea, pois tan cedo como mañá ás 20 horas xogarán no Pavillón Antonio Moreno de Gran Canaria o partido de volta dos cuartos de final do play-off ligueiro contra o Rocasa

O Porriño xa está de vacacións de verán

E se o Guardés aínda ten por diante un último obxectivo, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño xa está de vacacións logo da súa eliminación a mans do Elxe na competición ligueira.

As porriñesas buscaban unha épica remontada logo de perder 20-24 no partido de ida, pero só mantiveron a ilusión durante os cinco primeiros minutos, o único tramo do encontro no que foron por diante do marcador.

Inmediatamente despois, e igual que no caso do Antalya, o factor campo foi fundamental e as ilicitanas, conducidas polo apoio da súa afección, fixeron alarde dunha gran fortaleza física e mental que se traduciu nun 25-20 que deixa fóra O Porriño, pero que non embaza a súa magnífica tempada 2022/23.

Comentarios