Fútbol

Quen é quen no novo Consello de Administración do Celta?

Marián Mouriño será designada formalmente presidenta na Xunta Xeral de Accionistas da vindeira semana.
Integrantes do novo Consello de Administración do Real Club Celta.
photo_camera Integrantes do novo Consello de Administración do Real Club Celta.

O Real Club Celta deu a coñecer esta sexta feira as e os integrantes do novo Consello de Administración que presidirá Marián Mouriño, cuxo nomeamento será sometido a votación na Xunta Xeral de Accionistas convocada para o 12 de decembro, terza feira, no Salón Rexio da Sede da entidade olívica. Nese momento farase efectiva a remuda nun clube que durante os últimos 17 anos presidiu Carlos Mouriño.

O novo Consello incorpora un maior número de conselleiros independentes, entre os que destaca especialmente o ex porteiro celeste Sergio Álvarez e dos que o propio Celta destaca que son "profesionais, empresarios e deportistas cunha longa traxectoria profesional e empresarial nos seus respectivos ámbitos" e que "achegarán a súa experiencia e a súa visión para fortalecer a gobernanza corporativa do Real Club Celta".

Os integrantes do consello que votará a Xunta de Accionistas son os seguintes:

– Sergio Álvarez. Ex gardameta celeste e cofundador da Escola de Porteiros Sergio Álvarez, da Fundación Celta.

– Antón Álvarez. Senior Advisor de Evercom, axencia creativa de márketing e comunicación; Trascendent, consultora estratéxica de sustentabilidade e impacto, e Unlimited Spain, aceleradora de startups de impacto.

– Carmela Cuevas. Responsábel de Control de Xestión Comercial Zara–Inditex e Business Angel en Velca.

– José Manuel Amoedo. Socio fundador do bufete Amoedo & Lago Avogados e socio titular en Pontevedra do despacho colectivo Eurix Avogados AIE.

– José Álvarez. Socio fundador e CEO de Grupo Femxa Formación e Emprego e socio fundador de Ideaspropias Editorial, Ideaspropias Publicidade, Activa Formación, Adquiro Servizos Integrados, Nred Solucións Formativas, Femxa Formación, Green Venture Labs, Apunto 21, Learning and Support Services, FollowUP & Control e Green Smart Ventures.

– Xisela Aranda. Ex futbolista e ex campioa da Galiza e o Estado español de squash.

– Miguel Álvarez. Socio Director de Marcapital Ventures, empresa que inviste en startups tecnolóxicas en finanzas, alimentación, mobilidade eléctrica e deporte; socio fundador e administrador de Norfood, S.L.; investidor, conselleiro, interim manager e mentor en dez startups; conselleiro, membro do Comité de Dirección e responsábel de Estratexia en BMC Estudo & Contract.

Comentarios