Manuel Polo: "Moitas atletas atópanse con dificultades para adestrar cando chegan á universidade"

Foi un gran atleta na súa xuventude, e agora volve a selo na súa madurez logo de varios anos afastado do atletismo, pero Manuel Polo (Birmingham, 1973) tamén é, desde o ano 2019, un adestrador que contribúe coa súa experiencia ao crecemento dos e das deportistas máis novas do Club Atletismo Narón.
Manuel Polo é o actual subcampión estatal máster de marcha (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Polo é o actual subcampión estatal máster de marcha (Foto: Nós Diario).

Actualmente exerce como adestrador no Club Atletismo Narón, onde tivo un 2021 moi frutífero, con nin máis nin menos que 10 atletas entre o ‘Top-3’ galego, logro que ten o mérito engadido de producirse nas máis diversas categorías e disciplinas....

Teño que facer unha valoración positiva, porque dentro das circunstancias extraordinarias, con limitacións para competir e para adestrar que padecemos, os resultados en xeral foron moi bos a pesar incluso de ter que parar por corentenas e toques de queda. É o froito do traballo dos tres anos que levo xa nesta segunda etapa que estou vivindo no Club Atletismo Narón, tratando día a día de reforzar a área de adestramentos e de recuperar o nivel que tiñamos na marcha atlética. Hoxe temos dous Sub-12 e unha atleta Sub-16 entre as tres primeiras do ránking galego de marcha, así como algunhas das mellores lanzadoras do panorama do país, destacando incluso na táboa estatal de xavelina, así que non hai queixa (ri).

Persoalmente tampouco foi un ano malo nin moito menos para vostede como protagonista no deporte. Cal foi a fazaña da que se sinte máis orgulloso e cal é o seu obxectivo para este ano 2022 que acaba de comezar?

Do subcampionato de España nos 20 quilómetros marcha [só superado por  Luís Mario Muñoz], pero non polo segundo posto do podio, porque na categoría Máster non hai demasiada competencia, hai que dicilo claramente, pero esa non é a cuestión, o importante está en que completei o percorrido cunha marca dunha 1 hora e 42 minutos, o que para min está extraordinariamente ben. E a nivel colectivo debo destacar que co equipo Máster de aire libre conseguimos ascender á máxima categoría, o que significa que o Narón está entre os oito mellores equipos do Estado español, algo que tampouco é para nada doado. 

Destacaba anteriormente o labor que están levando a cabo para recuperar a marcha no Club Atletismo Narón. Recentemente entrevistei nestas mesmas páxinas de Nós Diario un dos talentos máis prometedores desa disciplina en todo o Estado, a cuntense Carmen Escariz. Como ve o estado da marcha na Galiza actual?

Moi, moi ben. Na Galiza temos unha base extraordinaria, cunha selección galega moi gañadora nas categorías Sub-14 e Sub-16, con xente moi traballadora na Coruña, en Valdeorras, en Cuntis, Ourense... Pero é unha mágoa, e dóeme dicilo, que rapaces e rapazas moi bos cando chegan á universidade se atopen con tantas dificultades para continuar adestrando, porque non existen as facilidades que hai noutros países. A parte positiva é que os galegos e galegas somos xente teimuda, capaces de adestrar baixo calquera condición. O caso de Carmen que sinalas é extraordinario. Ela era unha atleta que desde nena fixo unhas marcas moi boas, pero que nos últimos tres ou catro anos seguía estando aí, mais un tanto estancada, sen brillo, e superada moi claramente por Antía Chamosa, que é un ano máis nova que ela, pero neste último semestre de 2021 estivo a un nivel extraordinario, facendo récord galego nun circuíto en Xetafe que non era nada fácil e que a situou entre as primeiras do ránking español, o que equivale a estar na elite mundial. Logo tamén son destacábeis o irmán de Antía, Dani Chamosa, xente moi nova que ten moito potencial, por iso me doe tanto que en ocasións non teñan opcións de continuar progresando, e máis tendo en conta que este é un deporte que che permite medrar até unha idade bastante avanzada, non poucas veces por enriba dos 35 anos. 

A súa traxectoria no deporte conta cunha terceira dimensión alén da do atleta e a do adestrador, pois tamén corre polas súas veas o eido da xestión como técnico de deportes na administración local, onde conta con 25 anos de experiencia. Na miña opinión trátase dunha figura sobre a que non hai moito coñecemento na sociedade, cales son as súas tarefas exactamente?

O técnico de deportes para min é fundamental nos concellos, independentemente da súa dimensión: xa sexan pequenos, medianos ou grandes. Por que? Porque se encarga de toda a planificación deportiva a nivel local. De cousas como saber que instalacións son necesarias, do seu mantemento, do apoio ás entidades deportivas do territorio, da creación e xestión das escolas deportivas municipais, algo que non existía até non hai tantos anos... e despois, hai outra cousa moi importante, como é o impulso da actividade deportiva, programando actividades abertas a toda a cidadanía, como as carreiras populares, entre moitas outras. 

As seleccións galegas, unha cuestión de vontade

O éxito da seleccións galegas a nivel de base non ten continuidade na categoría absoluta, pois os e as atletas galegas non teñen permitido competir representando o seu país, Galiza, a nivel oficial e internacional.

Para Manuel Polo "iso é unha cuestión estritamente da Lei do Deporte española, que dita que as federacións autonómicas, neste caso a galega, están sometidas ás españolas". "Esta particularidade significa que nos ámbitos escolares e de menores as seleccións galegas non atopan ningún obstáculo, máis de aí para arriba comezan os problemas e non autorizan nin os amigábeis, porque a Lei do Deporte deixa clarísimo que non existe unha relación entre iguais dentro do Estado español, senón de xerarquía e de dependencia. Isto pode cambiar? Por suposto, pero insisto en que é necesaria a vontade".

Comentarios