Carmen Escariz, atleta: "Tardei en comezar a gañar, durante anos quedei sempre de última"

Carmen Escariz (Cuntis, 1998) é unha das mellores promesas galegas no deporte da marcha, mais o seu non foi un camiño de rosas, pois o éxito e as medallas non chegaron desde un primeiro momento. Agora, polo contrario, está no máis alto da súa carreira e soña con disputar a Copa do Mundo do vindeiro ano 2022.
"Non me marco límites", recoñece a marchadora de Cuntis. (Foto: Nós Diario).
photo_camera "Non me marco límites", recoñece a marchadora de Cuntis. (Foto: Nós Diario).

Hai moi pouco tempo, e defendendo as cores do Club Atletismo Ourense, conseguiu rachar co récord da Galiza absoluto na modalidade de 10 quilómetros marcha en ruta no Trofeo Cerro Buenavista de Xetafe cunha marca de 45 minutos e 26 segundos, pulverizando o tempo de Lorena Luaces de 46 minutos e 18 segundos. Estaba na súa cabeza lograr tal marca?

Sinceramente, eu vía que estaba adestrando moi ben, con moitas ganas, moi motivada, pero aínda que non pensaba en rachar co récord galego en ningún momento, si que sabía que podía baixar de 46 minutos grazas ás referencias que tiña por como estaba adestrando. Logo, e tamén debido a que a carreira se deu ben, porque houbo bastante nivel e puiden enganchar cun grupo rápido, fun quen de plasmar todo o que fixen nos adestramentos.

Vostede, a pesar de que aínda é moi nova, leva moitos anos, desde que era unha nena pequena, practicando este deporte. Que a levou a introducirse na marcha no seu momento?

Ingresar nun club que non tiña pista de atletismo, así que só podía correr ou facer marcha, non había máis opcións daquela (ri). Logo si que fixeron pistas, pero polo medio engancheime, tamén porque todas as miñas amigas facían marcha, e iso foi moi importante para seguir practicándoa.

Entendo que co tempo comezou a gustarlle cada vez máis, pois xa desde pequeniña comezou a gañar probas de relevancia, como na tempada 2011/12, na que se fixo con oito medallas de ouro nas 13 carreiras que disputou...

Si, pero a verdade é que nun principio non destacaba para nada. Tardei en comezar a gañar medallas na base, e pasei anos quedando sempre de última, pero pouco a pouco fun mellorando e mesmo, alcanzados os 18 anos fun internacional.

Outro exemplo dos altibaixos que ten o deporte. Agora está vostede nun pico do que con toda seguridade non se quere baixar en 2022. Cales son os seus obxectivos para o ano próximo?

Aínda non teño moito pensado porque veño de pasar uns anos un tanto de 'baixón', de non obter moitos resultados bos, e por iso só penso en dar o mellor de min. Pero si que é certo que en 2022 soño con ir a un Campionato do Mundo. Non sei se o lograrei ou non, mais porei todo da miña parte. 

Fala do Mundial de 2022.... e por que non tamén os Xogos Olímpicos de París 2024?

Non sei (ri). Paréceme un soño moi grande, pero por soñar que non quede. Non me vou marcar límites. De pequena obsesionábame moito coas metas, cos campionatos... pero agora atopo máis satisfacción no día a día e intento que os resultados veñan e non ir tan directamente a por eles. 

Quizais o outro gran nome da marcha na súa xeración é o de Antía Chamosa, unha deportista coa que leva alternando triunfos en distintas competicións galegas e estatais desde categoría Cadete, idade na que ambas se disputaron ao esprinte un Campionato de España do ano 2012 que acabaría gañando vostede por unha marxe menor a un segundo. Existe esa rivalidade? 

Ao final cada unha, cando está ben, intenta dar o mellor de si mesma, e intentamos xestionalo na pista.

Dentro das múltiples distancias na marcha, cal é a na que se sinte vostede máis cómoda? 

Agora mesmo diría que nos 10 quilómetros, máis que nada porque nunca fixen un 35 e 20 só levo un (ri). Son unhas distancias coas que aínda non estou familiarizada, e polas miñas características, pois penso que en min prima a velocidade sobre a resistencia, favoréceme o 10, pero iso non me leva a un Campionato do Mundo, por iso estou intentando mellorar para facer un 20 ao nivel das mellores.

Ademais, disque as présas non son nunca boas conselleiras, e tampouco na marcha, que é un deporte moi curioso, pois as deportistas adoitan alcanzar o seu máximo nivel a unha idade relativamente avanzada, mesmo traspasada a fronteira da trintena, e non son raros os casos de marchadoras que destacaron mesmo na corentena ou na cincuentena, como Jesús Ángel García Bragado, algo impensábel no resto das disciplinas atléticas. Se as lesións a respectan, podemos estar falando de que ten por diante unha carreira que pode prolongarse durante décadas... 

Si, porque eu teño 23 anos e aínda non fixen a proba olímpica [20 quilómetros] máis que unha vez. Así que, tecnicamente, son totalmente unha novata, pero estou adestrando para iso, e penso que o momento xa chegará.

Comentarios