Saleta Castro remata de 32ª

Iván Raña remata nun meritorio noveno posto o Ironman máis duro do mundo

Entre os dez mellores triatletas Ironman do mundo. Así rematou o Ironman de Kona (Hawaai), considerado o máis duro, o ordense Iván Raña, após remontar 17 postos na maratón. A pontevedresa Saleta Castro concluíu na 32ª posición na súa estrea en Kona.

ivan raña

“9 en Kona. Contento co resultado aínda que sei que podo facelo mellor e en 2017 volverei intentalo”. Esta era a mensaxe que deixaba nas redes sociais o triatleta ordense Iván Raña ao concluír o Campionato do Mundo Ironman en Kona (Hawaii), onde 2.300 deportistas fixeron fronte aos 3,8 km de natación, 180 km de ciclismo e 42 de carreira a pé.

Desta maneira, Raña, de 37 anos, conclúe o Ironman máis duro do mundo entre os dez mellores triatletas, encabezados un ano máis polo aleman Jan Frodeno, que conseguiu a vitoria cun tempo de 8:06:30, seguido por Sebastian Kienle (8:10:02), campión en 2014. A terceira praza foi para Patrick Lange (8:11:14), triatleta que bateu a marca récord da maratón.

O galego fixo unha carreira a pé espectacular, onde remontou até 17 posicións para rematar na novena praza

Iván Raña chegou a meta en 8:21:51, a 15 minutos 22 segundos do campión. Asinou uns parciais de 48:52 (natación), 4:38:13 (bicicleta) e 2:50:18 (maratón). O galego fixo unha carreira a pé espectacular, onde remontou até 17 posicións para rematar na novena praza. Ao concluír a proba, Raña admitía: “Hoxe pasei momentos críticos con cambras a falta de 8km cando ía pelexando co 8 e 9. Finalmente, puiden pelexar duro e salvar o 9 posto esprintando con Van Lierde. Grazas a todos os que me mandastes ánimos e apoio”.

A de 2016 foi a terceira participación de Iván Raña no Ironman de Kona. En 2013, ano da súa estrea, asinou o mellor tempo após entrar sexto na meta. En 2014 finalizou na 17ª posición e o ano pasado lograra baixar á 12ª.

Saleta Castro fai realidade o seu soño

Saleta CastroO soño de Saleta Castro, tal e como lle recoñecía a Sermos Galiza nunha entrevista concedida ao pé do avión que a levaba a Hawaii, sempre foi o de participar no Ironman de Kona. De aí que ao rematar a proba escribira nas súas redes sociais que se sentía “moi cansa pero feliz”. “Un soño cumprido, agora a por outro. Moitas grazas a todos”, engadía a primeira triatleta galega en disputar a proba Ironman máis dura do mundo.

A boa carreira a pé de Saleta Castro fixo posíbel que entrara na meta entre as 32 mellores triatletas do mundo. Todo un fito para o tríatlon feminino galego

A pontevedresa concluíu a súa estrea na 32ª posición, co tempo 10:17:50 e tras gañar enteiros na maratón. Os seus parciais foron de 58:09 (natación); 5:41:14 (bicicleta) e 3:32:03 (maratón). Así, Saleta Castro rematou a proba de natación de 16ª, a tan só 58 segundos da cabeza. Na proba ciclista perdeu posicións e rematou 40ª. Porén, a súa boa carreira a pé fixo posíbel que entrara na meta entre as 32 mellores triatletas do mundo. Todo un fito para o tríatlon feminino galego nesta categoría.

A proba feminina gañouna Daniela Ryf, que revalidou o título e bateu o récord.

Comentarios