A Irmandiña de balonmán, lista para o Estatal 2023

Conta co apoio da Deputación da Coruña
As deputadas Capelán e Regueira, coas integrantes da selección. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera As deputadas Capelán e Regueira, coas integrantes da selección. (Foto: Deputación da Coruña).

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira; e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, participaron no acto oficial de despedida das seleccións galegas de balonmán infantís, cadetes e xuvenís -masculinas e femininas- que van participar no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) Costa Blanca 2023 programado a vindeira semana. 

Regueira, na súa intervención salientou o "orgullo" que supón para a institución que "as nosas marcas e os nosos lemas formen parte das equipacións dos seleccionados galegos".

Neste sentido, tamén se expresara uns minutos antes o presidente da Federación Galega de Balonmán (FGB), Bruno López, quen explicou que "este ano imos facer alarde do produto galego". Un produto galego procedente da provincia da Coruña, e da man dunha área de Turismo da Deputación que, en palabras de Bruno López "entende moi ben que crear sinerxías entre Turismo e Deporte é dar un paso máis".

Ademais, explicou que "nun campionato no que os nosos rapaces e rapazas van actuar ante 10.000 persoas, a Deputación da Coruña decidiu cambiar o protocolo, e os nosos xogadores e xogadoras non van a dar un pin nin un banderín antes de comezar os partidos, imos entregar produto galego, concretamente de sete concellos que participan no proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal".

Xunto cos produtos do Xeoparque de Cabo Ortegal tamén se entregará merchandising da estratexia turística A provincia que sabe e o logo institucional da Deputación formará parte do equipamento oficial dos xogadores e xogadoras seleccionadas.

O presidente da Federación Galega de Balonmán tamén fixo fincapé en valores de apoio institucional ao deporte, con agradecementos explícitos a todas as Administracións Públicas que apoian activamente e de modo constante este deporte: o Goberno galego, o provincial e varios concellos do país. 

"Viaxamos con sete combinados", asegurou, "os seis que van competir e a nosa familia, que é a gran familia que apoia o balonmán". Unha mensaxe que tamén recolleu o vicepresidente da Deputación, quen animou a todos e todas as seleccionadas "a participar no campionato desde o compañeirismo e a amizade,  sendo grandes cando toque ganar e supergrandes cando non".

Comentarios