Dublín GAA World Games

Galiza baterase contra Bretaña, Sudáfrica e Nova Iorque no mundial de fútbol gaélico

Son os rivais da selección masculina competirá no Grupo C. A feminina, que compite no B, enfrontarase a Canadá e Nova Iorque. A camisola da selección nacional, elexida entre as mellores do mundial.

camisola seleccion galega gaélico
photo_camera camisola seleccion galega gaélico

Xa non é que se estean quentando motores é que os motores están a ferver, a toda potencia, para o mundial de fútbol gaélico que en tres semanas comezará en Dublín (Irlanda) e no que Galiza estará representada con selección propia, masculina e feminina. Un luxo aínda non de abondo valorado neste país no que até hai cinco anos este deporte era practicamente un descoñecido. Mais desde aquela até hoxe todo mudou e o fútbol gaélico callou como en poucos sitios, agromando clubes, ligas e con centos de participantes e miles de admiradores e seareiros na Galiza.

As nosas seleccións nacionais comezarán a competir o 9 de agosto. A masculina, no grupo C e contra algúns vellos coñecidos. Como Bretaña, a irmá celta contra a que volveremos enfrontarnos máis unha vez. Ou Sudáfrica, á que derrotamos nas semifinais do mundial de Abu Dhabi. E para completar este grupo, Nova Iorque, onde o fútbol gaélico goza dunha saúde extraordinaria (a súa potente comunidade irlandesa ten moito a ver) e que configurou unha competitiva equipa.

camisola gaélico seleccion galega 2ª equipación1A selección feminina, pola súa parte, encetará o mundial no grupo B, onde xogará contra Nova Iorque, un combinado que vén a por todas e con potencia para dar e tomar. Mais, quen dixo medo? Tamén nos enfrontaremos nesta categoría con Canadá, a equipa que derrotou a selección nacional feminina na fase de grupos de Abu Dhab. Toca desquite cas norteamericanas!

Neste mundial van tomar parte un total de 22 seleccións: 14 equipos masculinos e 8 equipos femininos. Alemaña, Arxentina, Bretaña, Canadá, Oriente Medio, Francia, Sudáfrica... Chegarán ás seleccións galegas á final, que se desputará o 12 de agosto?

A equipación máis xeitosa, a nosa

E para ir desembarcando en Irlanda con orgullo, a publicación especializada Pundit Arena GAA fixo un ranking coas 10 mellores equipacións do mundial que vai decorrer en agosto en abril. A da selección galega figura en cuarto lugar. Por diante da Arxentina ou norte-americana. Para esta publicación, a camisola merecedora de figurar no alto da clasificación é a de Francia, seguida de Sudáfrica e Canadá. E aí, en cuarto lugar, ao é do podio, a de Galiza. Da que din que a camisola ten aínda moito a mellorar na parte posterior mais que a equipación dá no albo (“it strikes the right chord”)

Comentarios