O fútbol galego de elite, a comezar o 2014 con bo pé

Real Madrid, Jaén e Eibar. Eis os tres equipos aos que se enfrontan os representantes galegos no fútbol de elite (Celta, Depor e CD Lugo) após o parón de Nadal. Celestes, branquiazuis e branquivermellos mostran confianza de comezar o ano futbolísticamente con bo pé: conquistando puntos.

depor-ponferradina

Primeira cita do 2014 para os equipos da elite do fútbol galego, que desexa entrar no ano futbolístico co mellor pé posíbel. O reto máis grande é para o representante galego en Primeira. O Celta viaxa a Madrid para enfrontarse esta segunda feira a un Real Madrid (19:00 horas. Canal+ e Gol T) conxurado a dar alcance a Barça e Atlético.

A armada celeste, 15ª na clasificación, desexa arrancar algún punto para evitar a cercanía da zona de descenso. Adestrador e xogadores sinalaron estes días que se ben o Bernabeu é un campo máis que complicado, o Celta viaxa a el coa intención de traer para Galiza un bo resultado.

Un día antes, o domingo, é a quenda do Deportivo da Coruña, que se enfronte ao Jaén (18:15 horas. La Sexta). O Depor quer afianzarse no liderato de Segunda e a equipa andaluza (14º posto e 24 puntos, 10 menos que os herculinos) non está agora nos seus mellores momentos.

A terceira equipa galega, o CD Lugo, xoga este sábado, onde recibe no Anxo Carro ao Eibar (18:00 horas. TVG2), todo un clásico. Os lucenses son décimos mais están só 3 puntos por riba da zona de descenso. Os eibartarras van cuartos con 31 puntos.

O adestrador lucense, Quique Setién, móstrase confiado ante este encontro, apuntando a que os xogadores volveron do parón de Nadal “coas gañas e a intención de gañar”.

Comentarios