A Galiza soña coa elite do fútbol feminino

O Dépor ocupa a única posición de ascenso directo á Liga F, a nova categoría profesional.
Inés Altamira foi a autora do primeiro tanto herculino, desde os 11 metros e no minuto 21.  (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Inés Altamira foi a autora do primeiro tanto herculino, desde os 11 metros e no minuto 21. (Foto: RC Deportivo).

Xornada perfecta para o Deportivo feminino, o único representante da Galiza na segunda categoría do fútbol estatal, que grazas á súa sólida vitoria sobre o Córdoba en Abegondo (3-1) ascende ao liderado do torneo, o único posto que dá acceso directo á primeira división, coñecida desde que adquiriu a condición de profesional este pasado verán como Liga F. 

O partido ante o conxunto califal, despois duns minutos iniciais máis igualados, tornou en monólogo de cor branquiazul, deixando sentenciado o duelo galego-andaluz en 20 minutos demoledores no ecuador da primeira metade, no que anotou os seus tres tantos, materializados por Inés Altamira de penalti no 21, Ainhoa Marín no 28 e Carlota Suárez no 37.

De nada lle serviu ao Córdoba o gol de Elisa no 71, que puxo nervioso o público de Abegondo enviando un balón o longueiro no 78 que non puido impedir que as pupilas de Irene Ferreras sumaran o seu sexto triunfo en sete xogos.

Os homes tamén cumplen

Completou unha xornada redonda para a afección branquiazul o éxito do masculino no agónico derbi galego ante o Rácing de Ferrol en Riazor, que de perder deixaría a escuadra herculina nunha posición moi complicada de cara non só ao ascenso directo -máis preto logo da derrota do líder Córdoba en Alcorcón-, senón mesmo a participar nos play-off.

Impúxose o Dépor por 2-0 nun dos seus mellores partidos da tempada,  quedando a falta dun só choque para a parada invernal en quinto lugar a un só punto do Rácing. Pola súa parte, os outros dous equipos galegos da categoría, Celta B e Pontevedra,  tiveron resultados dispares, pois o filial celeste venceu a Cultural Leonesa por 2-1 e o da Cidade do Lérez asinou unhas decepcionantes táboas en Pasarón cun rival directo na loita por fuxir do descenso, o Raio Maxadahonda (1-1).

O sabor da derrota non marcha do padal do Lugo

Desapareceu por completo o efecto Fran Justo no seo do Club Deportivo Lugo. En contraposición, o que non marcha do padal albivermello é o sabor da derrota, pois contra a Ponferradina sumou a décima da tempada e afunde aínda máis na zona de perigo de baixar a Primeira Federación.

Valioso triunfo celeste

Segundo partido da pretempada invernal do Celta, que esta vez se impuxo ao Vizela portugués 2-0.

Comentarios