As lesións axexan o fútbol feminino

A boa nova do ascenso ao liderado do Dépor feminino quedou en parte opacada por unha serie de contratempos físicos que, aínda que esta vez semellan non revestir gravidade, evidencian unha realidade que preocupa no mundo do fútbol feminino como é a das lesións, en especial nos ligamentos dos xeonllos.  
A deportivista Letti Sevilla xa padeceu varias lesións de xeonllo a pesar de ter só 26 anos de idade. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A deportivista Letti Sevilla xa padeceu varias lesións de xeonllo a pesar de ter só 26 anos de idade. (Foto: RC Deportivo).

O Deportivo feminino é o novo líder da Primeira Federación Futfem, que a pesar do seu nome é a segunda categoría a nivel estatal. A escuadra herculina logrou así facerse co título honorífico de campioas de inverno -que se arroga quen remata a primeira volta na cabeza da táboa- grazas a un sufrido triunfo por o-1 sobre o Granada, que a devolveu a un posto de privilexio que xa ocupara nas xornadas 1, 3 e 12.

Con todo, o resultado tivo unha contraparte negativa: as baixas de Laura e Henar -que colisionaron pugnando por un balón aéreo, resultando a primeira conmocionada e a segunda cun corte na testa- e a de Samara Ortiz, quen volvía mancarse despois de sufrir unha lesión no seu bíceps femoral da súa perna dereita.  

A de Ortiz engadese a outras lesións padecidas polas futbolistas herculinas no que vai de campaña, sendo a máis grave a de Letti Sevilla a finais de agosto, cando escordou o ligamento lateral interno do xeonllo dereito.

Esa parte do corpo, o xeonllo, está levantando a voz de alarma no mundo do fútbol feminino, pois a día de hoxe cinco das 20 primeiras clasificadas no último ránking do Balón de Ouro están de baixa por romper o ligamento cruzado anterior e rara e a fin de semana na que algunha muller das principais ligas non manca un xeonllo, o que evidencia un problema ao que urxe atopar solución. 

O Rácing é o único equipo que suma de tres en tres

A vitoria e reconquista do liderado do Dépor feminino foi a mellor noticia dunha xornada futbolística escasa en alegrías para a afección galega, pois alén das herculinas tan só os Diaños Verdes do Rácing de Ferrol foron quen de sumar de tres en tres, após golear o Sanse 3-0 na Malata, tantos materializados por Héber Pena, Manu Justo e un veteranísimo Álex López que festexou o seu 35 aniversario cun bo gol.

Pero até aí as boas novas. O Celta e o seu filial sumaron senllos empates a un, no caso do primeiro equipo contra un Vilarreal que marchou de Vigo cun punto grazas ás paradas dun porteiro de 40 anos (Pepe Reina) e no do Celta B, que tamén foi superior ao seu rival, o Fuenlabrada, a encaixar o tanto das táboas madrileñas no minuto 89.

Finalmente, Deportivo masculino, Lugo e Pontevedra perderon 3-1, 2-0 e 1-0, respectivamente, afastándose así de cadanseus obxectivos.

Comentarios