A galega Tere Abelleira estará na Eurocopa de Inglaterra

Substituta de última hora da mancada Paralluelo
A medio do Real Madrid rendeu a bo nivel no último tramo ligueiro. (Foto: Europa Press).
photo_camera A medio do Real Madrid rendeu a bo nivel no último tramo ligueiro. (Foto: Europa Press).

A futbolista galega Tere Abelleira collerá a remuda de Mari Paz Vilas en 2017 e Vero Boquete en 2013 e será a única representante da Galiza na listaxe do selecciónador estatal para a inminente Eurocopa, que comezará o próximo día 6 de xullo en Inglaterra.

Inicialmente Jorge Vilda, moi criticado por levar a cabo un combinado ultraconservador onde 13 das 23 futbolistas son porteiras e defensas, excluíu á centrocampista pontevedresa a pesar do bo rendemento que ofreceu no tramo final de tempada coa camiseta do Real Madrid.

Non obstante, a lesión da novísima futbolista de 18 anos do Vilarreal Salma Paralluelo -que nin sequera debutara aínda como internacional- impedirá que a zaragozana se desprace até Inglaterra, optando o seleccionador por Abelleira para ocupar o seu lugar na listaxe.

Rubiales, a xuízo

24 horas despois de alardear da "excelencia e legalidade" que segundo Luís Rubiales caracterizan a súa xestión á fronte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 4 de Maxadahonda (Madrid) admitiu unha querela contra o mandatario e Gerard Piqué -xogador do Barcelona e propietario da compañía Kosmos Global Holding- polos presuntos delitos de corrupción nos negocios e administración desleal.

Así consta nun auto asinado pola titular do Xulgado, Delia Rodrigo, que decidiu a apertura de dilixencias previas por mor da querela interposta hai un mes polo dirixente do Centro Nacional de Formación de Adestradores de Fútbol (CENAFE), Miguel Ángel Galán, quen apunta ás comisións cobradas pola RFEF e a empresa de Piquei por disputar a Supercopa en Arabia Saudita. 

O Rácing ficha Manu Justo

Un dos catro representantes da Galiza na Primeira RFEF -rebautizada desde onte polo organismo presidido por Rubiales como "Primeira Federación"-, o Rácing de Ferrol, conta cun novo reforzo nas súas filas. Trátase do dianteiro vigués Manu Justo, que chega procedente do ascendido Rácing de Santander , onde marcou sete goles en 35 partidos.

Quen non seguirá na categoría de bronce e o talentoso escocés do Celta B Jordan Holsgrove, quen cruza a raia para xogar no Paços de Ferreira portugués ante a falta de oportunidades no primeiro equipo celeste.

Comentarios