Baloncesto

Ensino-Celta, un derbi na elite para promocionar o deporte feminino

O Pazo Provincial dos Deportes de Lugo reunirá este sábado (19.15 horas) dous dos tres equipos femininos cos que conta a Galiza na máxima categoría estatal de baloncesto. Ensino e Celta xogarán un derbi moi agardado pola afección lucense co engadido dunha campaña de promoción do deporte feminino que, co lema de ‘Faino por ti, por elas e por todas’, puxo en marcha para a ocasión a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Xogadoras e corpo técnico do Durán Maquinaria Ensino (Foto: DME).
photo_camera Xogadoras e corpo técnico do Durán Maquinaria Ensino. (Foto: DME).

O Durán Maquinaria Ensino atoparase este sábado na Primeira División estatal de baloncesto feminino co Celta Zorka Recalvi. O agardado derbi decorrerá no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo (19.15 horas) e está previsto que sexa un encontro para reivindicar a igualdade no deporte galego.

Alén do deportivo, o club lucense conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que participará co lema ‘Faino por ti, por elas e por todas’ facilitando a entrada gratuíta a deportistas de base, escolares e cunha entrada única para persoas adultas cun prezo reducido.

Partido aberto

No ámbito deportivo, ambos os dous equipos viven unha situación diferente nesta liga. O Ensino sitúase noveno na clasificación, un posto por diante das galegas do Baxi Ferrol, pensando polo de agora nos postos de play off. O Celta, pola contra, está esta semana no catorceavo lugar e loitando por nos descender de categoría. Porén, para as de Lugo xogar na casa non é,nin moito menos, garantía de vitoria. Nos dez partidos que viviron na cidade amurallada nesta campaña, catro remataron con vitoria e seis con derrota no Pazo. Porén, o Celta tampouco ten bos resultados na súas saídas. Até agora gañou tres e perdeu oito. 

No pasado inmediato, o Ensino chega ao sábado despois dunha derrota ante o Barcelona CBS (66-50), un partido moi disputado que as catalás gañaron por ter un maior acerto no tiro exterior. Pola contra, o Celta superou, a semana pasada, na casa ao Gran Canaria (78-66) nun choque complicado que as celestes conseguiron endereitar no segundo cuarto até finalizar coa vitoria final.

O adestrador do Ensino, Antonio Pernas, explica a Nós Diario que afrontan o partido “con moitas ganas xa que sempre é bonito medirse cun equipo galego na máxima categoría”. Deportivamente, apunta que “os dous equipos chegamos sen unha presión engadida na clasificación polo que se verá un partido intenso e aberto”. Con todo, agradece ao club lucense que estae a realizar nas últimas semanas “accións para ter o maior apoio posíbel na bancada”. Sobre o Celta, Pernas sinala que "é un equipo dinámico, cunha gran dirección de xogo desde o banco con xogadoras capaces de anotar dende todas as posisicións." polo que cre que unha das claves "será o inicio de partido, quen tome o mando e impoña o seu ritmo terá moito gañado". 

Por parte do Celta, a súa adestradora, Cristina Cantero, sinala a Nós Diario que encara este compromiso do sábado “con ilusión e ganas de seguir sumando para conseguir o noso obxectivo diante dun rival difícil”. Considera que as lucenses “están facendo unha magnífica liga e sempre compiten” baixo a dirección de Antonio Pernas. Deste derbi, Cantero agarda que teñan lugar “situacións complicadas, coñecémonos ben os dous equipos” polo que augura que “quen teña a capacidade de executar o seu partido, coidando os rebotes, terá máis vantaxe”. A adestradora celeste espera “un partido igualado, onde sexamos capaces de xogar fóra mellor do que até agora e consigamos levar ao Ensino ao límite durante todo o partido”. 

O bo momento do baloncesto feminino

O baloncesto feminino, na Galiza, “goza de boa saúde”, en opinión de Cristina Cantero. Para a adestradora do Celta, unha mostra desa vitalidade é “que estamos tres equipos galegos na máxima categoría e moitos outros en Segunda facendo un bo traballo”. Nótao no pavillón de Navia nos partidos que ten disputado na casa. "Hai unha conexión moi bonita entre afección e equipo que nos axudará até a fin da tempada". 

Entre as xogadoras de ambos os dous equipos hai moita espectación ante este derbi. Un exemplo é Blanca Millán, a compostelá do Ensino, que asegura a Nós Diario que "como galega que son é un orgullo poder disputar este tipo de partidos". Recoñece que "de pequena sempre soñei con xogalos e nesta ocasión, ademáis, co traballo do club, será especial ao estar dedicado ao deporte feminino". A entidade lucenseda man de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, leva días promocionando este deporte na cidade e motivando a asistencia ao partido do sábado. "Levamos adiante diferentes accións con visitas a clubes, centros escolares e demais para que todos os nenos e nenas se acheguen ao Pazo de forma gratuíta a coñecelo Ensino e o deporte feminino en sí", asegura a xogadora.

Desde a institución provincial, o deputado de Deportes, Efrén Castro, asegura a Nós Diario que "é importante reforzar a visibilidade do deporte feminino nos centros educativos, achegando ás nenas e nenos referentes femininas". Por este motivo amosa o seu descontento coa decisión, comunicada ao club lucense por parte da CRTVG, de que o ente non retransmitirá o evento deste vindeiro sábado. "Temos que exixir unha maior implicación dos medios audiovisuais, especialmente dos públicos, da CRTVG, na visibilidade  do deporte feminino", criticou o deputado nacionalista. 

Comentarios