O derbi Compostela-Deportivo no Vero Boquete será a porta fechada

A situación sanitaria impide a presenza de público
David Soto, xogador do Compos. (Foto: SD Compostela).
photo_camera David Soto, xogador do Compos. (Foto: SD Compostela).

Como di o refrán "pouco dura a alegría na casa do pobre". Tan só uns días despois da disputa da primeira xornada da Segunda División B, na que se autorizou que o público puidese volver aos campos de fútbol por vez primeira tras máis de sete meses de ausencia a causa da Covid-19,  os negativos datos da evolución da pandemia obrigan, de novo, ao fechamento dos estadios.

Así, logo de que en Riazor se congregasen 3.000 almas o pasado domingo para seguir a estrea do Deportivo na categoría de bronce, a Sociedade Deportiva Compostela anunciou que o derbi que o enfrontará coa escuadra branquiazul o vindeiro día 25 será a porta fechada.

O conxunto compostelá afirma tomar esta decisión ante a "actual situación epidemiolóxica" na capital galega co obxectivo de "tentar preservar a saúde de todos e todas", e desculpouse ante as persoas afectadas por esta medida.

Pau á Xunta

A Sociedade Deportiva Compostela criticou a actuación da Xunta da Galiza, apuntando que "despois de varios días de espera, a Dirección Xeral de Saúde Pública non deu resposta á solicitade do clube para coñecer a capacidade dispoñíbel para o vindeiro domingo, co que desde o punto de vista loxístico non se pode preparar o partido nas condicións adecuadas, nin avisar coa antelación necesaria a aquelas persoas que puidesen gozar do partido ao vivo".

Ademais, recalcan que desde o Concello de Compostela se lles recomendou disputar o partido a porta fechada xa a pasada terza feira, o que entenden "dada a difícil situación epidemiolóxica dos últimos días".

Finalmente, o Compos láiase por atopar "múltiples obstáculos" para poder desenvolver o seu traballo diario, e apela á "sensibilidade" das distintas administracións públicas.

Comentarios