Mercado de fichaxes

O Dépor ficha Ximo Navarro e o Rácing Enrique Clemente

Novidades no mercado de fichaxes galego nunha xornada na que o Celta presentou Jonathan Bamba.
Ximo Navarro, no Alavés. (Foto: LFP)
photo_camera Ximo Navarro, no Alavés. (Foto: LFP)

O mercado de fichaxes é como un amor de verán. No seu momento non se fala doutra cousa e semella o máis importante do mundo, pero o devir dos meses, ou dos anos, medirá a súa transcendencia real. As novidades na xornada de onte chegaron desde A Coruña e Ferrol, pois o Dépor confirmou a incorporación de Ximo Navarro e os Diaños Verdes a de Enrique Clemente.

O primeiro é todo un veterano. Aos seus 33 anos, o polivalente defensa granadino -ten capacidade para actuar en todos os postos da zaga- chega a Riazor tras militar a pasada temporada na Fortuna Sittard da Primeira División dos Países Baixos, onde xogou 15 partidos.

Esta será a súa primeira experiencia na terceira categoría do fútbol estatal desde 2011 (Mallorca B), pois dende entón sempre actuou na Primeira ou na Segunda, en clubs como Almería, Recreativo de Huelva, Córdoba ou Alavés.

Con respecto a Enrique Clemente, ao igual que Navarro, tamén se desenvolve nos postos defensivos. Procedente en calidade de cedido da Unión Deportiva As Palmas, este maño de 24 anos, internacional nas categorías inferiores, apenas contou con oportunidades na escuadra canaria, que na pasada campaña 2022/23 logrou o ascenso á Primeira División.

O Celta presenta Bamba

Paralelamente, na sede do Real Club Celta, na cidade olívica, tivo lugar a presentación de Jonathan Bamba. A súa contratación supuxo "unha enorme satisfacción" para o presidente celeste, Carlos Mouriño, quen considerou que o marfileño achegará "un salto de calidade".

Pola súa parte, o protagonista confesou que tiña "moitas ofertas", pero que a do Celta o convenceu por ser un proxecto "ambicioso", así como polas figuras de Benítez e Luís Campos.

Comentarios