Adrián Trillo Barca: "Galiza, en comparación co resto do Estado, é onde hai mellor billar"

O billar americano ou 'Pool' ten cada vez máis aceptación na Galiza. Esta fin de semana, organizado polo Club Billar Teo, terá lugar o Campionato Galego Bóla 10, unha das súas modalidades. Nós Diario falou con Adrián Trillo Barca, número 1 no ranking nacional como xogador e un dos responsábeis desta cita deportiva. 
O xogador e membro do Club Billar Teo concentrado no xogo (Miguel Lamas).
photo_camera O xogador e membro do Club Billar Teo concentrado no xogo (Miguel Lamas).

-Como chegou ao mundo do billar?

Comecei cos compañeiros da escola. Cando saiamos había un bar en Compostela que tiña un par de mesas de billar. Achegámonos a botar unhas partidas moi de vez en cando. Lembro que organizaron un torneo para xente que estaba comezando e tiven a sorte de gañalo. Foi o meu primeiro 'taco'. Despois convidáronme a ir ao Campionato Galego Júnior.

Estiven uns catro anos competindo en categorías inferiores e despois deixeino ao iniciar a carreira. Marchei cunha beca a estudar un ano aos Estados Unidos de América (EUA). Alí volvín engancharme coa sorte de que ao volver xa estaba o club Billar Teo funcionando, que é onde estou na actualidade. Nel era máis viábel xogar, adestrar e tomalo como un deporte serio e decidín darlle duro até agora.

-Como foi a experiencia do billar nos EUA? Aquí temos unha determinada visión a través do cine... 

Polas películas, desde aquí, podes ver billares de hai anos. A cousa mudou un pouquiño mais a filosofía das apostas ao redor do billar segue estando presente. Agora hai competicións profesionais que son accesíbeis, con rapaciños e sitios onde poden aprender e adestrar. Non é tanto ese xogo de bar con apostas senón con máis fundamento e máis estudado. 

-Na Galiza, para fomentar a súa práctica, séguese ese mesmo camiño?

A nivel galego, até hai pouco todo o peso da competición de billar americano recaía na Asociación Galega de Pool (AGP) que levan organizando a competición desde hai tres décadas, cando eran os tempos difíciles. As mesas que tiñan, cunha grande infraestrutura, estaban en bares e non saía moi económico ter que adestrar para acadar un bo nivel.

Desde hai uns anos, en parte porque as e os xogadores querían mellorar e progresar, creáronse asociación para formar clubs. Estes tiñan varias mesas onde as e os socios pagan unha pequena cota e así adestrar ilimitadamente. Neses mesmos clubs tamén aprenden. No caso do de Teo temos escola para rapazas e rapaces de maneira gratuíta, só hai que estar asociado. Teñen aulas todas as semanas cos fundamentos básicos do billar e sistemas para que poidan ir mellorando. De Teo saíron dous rapaces, Álvaro Lama e Xoán Rovira, subcampión e semifinalista, respectivamente, do campionato de España Júnior.  

-O traballo recompensou os títulos que tivo o Billar Teo?

Hai moito traballo e moitas horas polo que deu os seus froitos. Tivemos a satisfacción de ver, por exemplo, que o ano pasado acadamos todos os títulos de clubs que se poden conseguir. A día de hoxe, se ves a clasificación do ranking galego absoluto unha porcentaxe moi alta dos primeiros clasificados son xogadores do Club Billar Teo, iso xa é unha boa recompensa ao traballo.

-Como afectou a pandemia?

O tema da Covid-19 foi un fastío. Aínda que é un dos deportes que menos riscos ten de contaxio, ao non ter contacto e poder practicalo con máscara, estivemos fechados durante toda a corentena e mesmo despois tardamos en abrir polo atraso na elaboración dos protocolos para os diferentes deportes. No noso caso tivemos que xogar con máscara, hixienizar as mesas e as bolas ao remate de cada partida, cando se muda de xogador, control de temperaturas, trazabilidade,...

Con estas normas levamos organizados un gran número de campionatos e non tivemos ningún problema. Cremos que este deporte, se todos somos responsábeis e seguimos os protocolos, é moi seguro. O que non nos libra de que algún día pase algo.

-Pódese vivir do billar, como profesional, na Galiza?

É unha pregunta complicada. Como alguén que vive das mesas, si. Ser xogador profesional e vivir do billar a día de hoxe só hai tres persoas en todo o Estado español. É un deporte moi minoritario. É certo que agora está medrando moito mais ao final o apoio económico, por exemplo da empresa privada como acontece con outros deportes, de momento é inexistente. En parte porque a nosa repercusión é mínima. Se non saímos na prensa nin ten repercusión  o que facemos ningunha empresa quererá investir diñeiro.

-E a nivel institucional?

Todo vai en función do número de licenzas e do número de xogadores que haxa. Os deportes grandes como son fútbol ou baloncesto levan a meirande parte do queixo. Aínda así temos o noso apoio. Temos a sorte que Galiza, en comparación co resto do Estado, é onde hai mellor billar. Podemos dicir que estamos medrando.

-É un deporte mixto e aínda así hai menos mulleres. Cal é a razón?

Tentamos que haxan máis rapazas no billar. É unha tarefa complicada, non sei cal é a razón de que non atraia ás rapazas. Será algo imposto na sociedade desde anos atrás mais gustaríanos cambialo. É algo no que traballamos. No billar non hai ningún tipo de diferenzas, dá igual que sexas home ou muller. Oxalá comecen a interesarse.

Comentarios