A Coruña torna na nova Meca do surf

O Portiño acolle este sábado o Campionato Internacional de Ondas Xigantes.
Os preparativos deixaron estampas tan impresionantes como a que se pode apreciar sobre estas liñas. (Foto: Remi Adrien).
photo_camera Os preparativos deixaron estampas tan impresionantes como a que se pode apreciar sobre estas liñas. (Foto: Remi Adrien).

Os medios especializados sitúan as grandes capitais do surf mundial na Gold Coast australiana, Hawai, Tarifa ou Pichilemu, un recuncho chileno que en lingua mapuche significa "pequeno bosque". Porén, durante un día a Galiza, e máis concretamente A Coruña, emerxerá como unha desas mecas de peregrinación surfeira co gallo da disputa do A Coruña Big Waves

O evento desenvolverase este sábado no Portiño a partir das 8.30 horas, estando previsto pola organización que se estenda até arredor das 16 horas, concluíndo cunha entrega de premios que recoñecerá as novas campioas galegas e estatais na sempre visualmente espectacular disciplina de ondas xigantes, na que a Galiza tornou nunha referencia nos últimos tempos.

A súa disputa chega tras practicamente dous anos de intentos falidos, a causa tanto da pandemia da Covid-19 como das circunstancias climatolóxicas, pois para que as ondas xigantes fagan acto de presenza deben producirse unhas condicións moi específicas que se darán no día de mañá grazas ao tren de borrascas que leva impactando coa Península Ibérica desde a pasada quinta feira.

30 xenios da táboa nunha contorna "espectacular"

Esta edición inaugural do A Coruña Big Waves é unha aposta do Concello herculino, a Federación Galega de Surf e a súa homóloga estatal na que se congregarán non menos de 30 homes e mulleres -cifra confirmada no momento de escribir estas liñas- especializados nesta peculiar modalidade do surf.

Un deles será o franco-brasileiro afincado na Galiza Eric Rebiere, responsábel do descubrimento do Portiño como zona idónea para surfear ondas xigantes xunto co galego Juan Fernández. "Agora mesmo no mundo non hai ningunha onda así de grande nun centro urbano como o da Coruña. A posibilidade de que a xente poida chegar practicamente andando desde as súas casas é espectacular", apunta un Rebiere que considera que O Portiño "ten un pico bastante definido, polo que as ondas son de fácil posicionamento, o que axudará ás competidoras da proba, mais é necesario adestrar para saber surfealas", conclúe. 

Máis de medio século surfeando

O surf xorde como disciplina deportiva a comezos do século XX en Hawai, mais a pesar da súa crecente popularidade nos Estados Unidos non comeza a practicarse no Estado español até os anos 60. No caso galego, está documentada a presenza de surfistas nas costas do país desde o ano 1969, sendo os pioneiros Miguel Camarero e Gonzalo Viana na área da Coruña e Ángeles Vega, Nicolás Pita e Victor e Ignacio Montenegro na praia de Patos (Nigrán).

Non moito tempo despois, concretamente en 1974, a crecente popularidade da disciplina requiriu a creación da Federación Galega de Surf, no mesmo ano no que se organizaba o primeiro torneo, o Trofeo Inauguración, disputado na Coruña e do que se proclamou vencedor Carlos Bremón. Tan só uns meses máis tarde, en outubro de 1975, chegaba a quenda do primeiro Campionato Galego, programado en Barrañán (Arteixo), onde Bremón repetiu triunfo. Non obstante, este progresivo interese na modalidade non se materializaría na constitución dun club até 1988, cando se funda o Océano Surf Club de Ferrol.

Comentarios