Cochiqueiros remata o ano como líder da Conferencia Norte de billarda

A clasificación absoluta individual apértase nos primeiros postos.   
'Bonxe' en Culleredo. (Foto: LNB)
'Bonxe' en Culleredo. (Foto: LNB)

A oitava e última xornada do ano da Liga Nacional de Billarda (LNB) da Conferencia Norte decorreu esta fin de semana na Pista de Castro-Laxe en Vilaboa, Culleredo (comarca da Coruña). Con puntuacións baixas, polas características da cancha e outras circunstancias, como foi o caso do líder da Absoluta, Carlos Pardo, "Bonxe", que fixo só nove puntos. Despois de sumar os desta xornada as clasificacións xerais nos seus primeiros postos mostran que a igualdade vai ser un común denominador de aquí ao final de temporada. 

Así, na Infantil continúa Aleixo Bello Muñizde líder, empatado con Noa. Na Individual Feminina, a ausencia de Irene Rivas provocou que Delia Basanta a superara na xeral e agora lévalle catro untos de vantaxe. Na Individual Absoluta, as baixas puntuacións de Bonxe deron oportunidade aos perseguidores, como é o caso de Abel Regueiro que xa é segundo. 

Loita polo liderado

Gañou a xornada Cochiqueiros pola maior puntuación dun dos seus xogadores, Miguel Antonio Viqueira, con 22 puntos. A pesar de todo Campo da Feira estivo a piques de recortarlle puntos, quedando a catorce puntos. Porén, o equipo de Cerceda (comarca de Ordes) mantense firme na clasificación. 

En terceiro lugar quedou APB, da Laracha (Bergantiños) cunha boa actuación tendo en conta as ausencias de varios xogadores chave. O cuarto posto que dá dereito a participar na Fase Final da Liga Galega 2025 é a que ten máis pretendentes.

Neste momento está en poder de Río Miño, de Castro de Rei (A Terra Chá), mais Filloas de sangue (A Coruña) está a cinco puntos e Foucellas (A Coruña), que parecía sen opcións, xa está a 16 puntos. A vindeira xornada xa será en 2025, concretamente o 12 de xaneiro en Cerceda (comarca de Ordes).

Comentarios