O Celta reforza o centro do campo con Carlos Dotor

Procede do Castilla e asina até 2028.
Carlos Dotor.
photo_camera Carlos Dotor.

O que nas últimas horas comezaba a ser un segredo a voces en Casa Celta tornou en realidade hai escasos minutos. O clube vén de confirmar a incorporación do centrocampista Carlos Dotor (Madrid, 2001), procedente da canteira do Real Madrid.

O seu contrato, que o vincula a Vigo até 2028, é semellante ao que se fechara con outro xogador procedente do Castilla e hoxe no primeiro equipo celeste —mais á espera de resolver o seu futuro—, Miguel Baeza: unha contía próxima aos tres millóns de euros e o Madrid resérvase perto de 50% dos dereitos do futbolista de cara a un futuro traspaso.

Carlos Dotor, nun partido co Castilla.
Carlos Dotor, nun partido co Castilla.

Carlos Dotor disputou a pasada tempada en Primeira RFEF, no mesmo grupo que o Celta B, un total de 2.223 minutos repartidos en 29 encontros, nos que anotou 12 dianas e deu outras tres asistencias de gol.

"Dotor, xogador de gran calidade, despregadura física e instinto goleador, dá esta tempada o salto á máxima categoría do fútbol español da man de Rafa Benítez, converténdose na cuarta nova incorporación dun club que afronta con gran ilusión este ano no que conmemora o seu centenario", salienta o clube.

Comentarios