Celta e Depor perden contra os favoritos

A xornada de reflexión electoral foi tamén a que tiveron o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña para disputar os seus encontros contra FC Barcelona e Real Madrid, respectivamente. Bo xogo e malos resultados para as equipas galegas nunha liga aínda con moitas xornadas por diante.

Ilusión e traballo botaron os xogadores do Celta no Santiago Bernabeu nun partido difícil mais non imposíbel. A equipa de Mourinho xogou a asegurar e os de Herrera a sorprender. Din que os primeiros minutos son fundamentais cando xogas contra unha equipa "das grandes" e na súa casa e neste encontro ficou claro que así é. Os de Vigo mantiveron o tipo malia a un aviso de Ronaldo e encaixar no minuto 11 o primeiro gol, obra de Higuain. O Celta loitou e tivo oportunidades no remate de Iago Aspas no minuto 25.

O Celta loitou e tivo oportunidades

A segunda parte comezou coa mesma sensación de que se podía igualar o partido, mais chegou o segundo gol do Real Madrid no minuto 68 despois dun penalti de Cabral a Özil que transformou o portugués Cristiano Ronaldo. Nos últimos minutos foron Oubiña e De Lucas os que tiveron oportunidade de rebaixar o marcador que xa non se moveu até o chío final. Dous a cero que non explica o que aconteceu no campo e que reafirman que os de Vigo teñen equipa para aspirar a grandes cousas esta temporada.

O Depor apelou á épica diante do Barça

Nove goles non se ven todos os días nun campo de fútbol. O partido do sábado entre o Deportivo da Coruña e o Barça foi deses que pasan de tarde en tarde. Aínda que o resultado final non foi positivo, @s seareir@s coruñes@s tiveron a sensación de que hai equipa nesta liga. Oltra xogou a gañar desde o primeiro minuto, mais foi o Barça quen sorprendeu cun tanto aos dous minutos, obra de Jordi Alba. O segundo veu pola banda dereita do ataque barcelonista nunha xogada de Tello e o terceiro dun forte disparo de Messi no minuto 18. A partir dese intre a equipa da Coruña foi a máis e, contra o que se podía agardar, procurou a remontada. Deste xeito viñeron os goles de Pizzi, de penalti no minuto 26 e Álex Bergantiños no minuto 37. Foi o momento decisivo e apareceu outra vez Messi xusto antes do descanso.

Oltra xogou a gañar desde o primeiro minuto

O Depor comezou a segunda parte coa mesma intensidade e Pizzi marca no minuto 47 o terceiro para os de Oltra. Outra vez Messi alonxou o marcador da Coruña cun gol no minuto 77 e aínda que un gol en propia meta de Jordi Alba puxese o punto de suspense até o final, os de Tito Vilanova levaron de Riazor os tres puntos.

Comentarios