domingo 24/10/21

O Atlético Guardés xogará un partido cada tres días

A Covid-19 comprime a axenda das galegas
O sábado comeza ante o Pereda un maratón de partidos. (Foto: Atl. Guardés).
O sábado comeza ante o Pereda un maratón de partidos. (Foto: Atl. Guardés).

O Atlético Guardés continúa adaptando o seu calendario de partidos. Os recentes aprazamentos obrigaron o club do Baixo Miño, unha vez máis, a encaixar como nun quebracabezas os distintos encontros adiados para poder atopar datas para disputalos, caso da eliminatoria da Copa da Raíña ante o Zuazo ou o ligueiro ante Puerto del Carmen.

Todo isto leva a que o Guardés inicie o vindeiro sábado un maratón de once partidos en  cinco semanas entre Liga Guerreiras Iberdrola, Copa da Raíña e os cuartos de final da EHF European Cup. O primeiro deles obrigara as galegas a viaxar a Cantabria para medirse ao Uneatlántico Pereda no Polideportivo da Albericia ás 20 horas da tarde, nun choque correspondente á xornada 10 do Grupo A da Liga Guerreiras Iberdrola.

A semana seguinte será a primeira con cita dupla. O partido da xornada 11 de liga contra o  Zubileta Evolution-Balonmán Zuazo moveuse para a terza feira, 10 de febreiro -ás 20 horas na Sangriña-, por coincidir en fin de semana a ida da EHF  European Cup.

A día de hoxe, a disputa deste partido ligueiro está condicionada á evolución do persoal zuazotarra, que detectou un gromo de coronavirus entre xogadoras e corpo técnico a pasada semana. Xa o domingo, por fin, chegará o ansiado debut en competición europea: as de Prades viaxarán a Ucraína para afrontar a ida contra o HC Galychanka Lviv. 

A semana do 15 de febreiro terá un esquema idéntico: partido de Liga contra Aula Alimentos de Valladolid entre semana e de Europa o domingo. Inmediatamente despois, o día 24, o Atlético Guardés ten previsto recuperar o seu partido aprazado da sétima xornada contra o Rincón Fertilidad Málaga, e ese mesmo sábado recibirá, tamén na Sangriña, o Cicar Lanzarote en partido de Liga.

Xa en marzo, tocará viaxar o día 3 a Lanzarote para medir forzas co Puerto del Carmen, ás 21 horas da Península, nun choque correspondente á oitava xornada ligueira e que xa foi aprazado en dúas ocasións. Despois, o sábado 6, completará a primeira fase da Liga Guerreiras Iberdrola visitando a casa do Rincón Fertilidad de Málaga ás 19 horas.

Para finalizar este maratón de partidos, o conxunto galego disputará os días 10 e 13 de marzo a segunda fase da Copa da Raíña ante o Zuazo.

comentarios