Aberta a inscrición aos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

A institución recoñecerá deportistas e entidades.
O deputado de Deportes, Antonio Leira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado Antonio Leira. (Foto: Nós Diario)

A Deputación da Coruña abriu esta cuarta feira o prazo para propor candidaturas á II edición dos Premios do Deporte, que teñen como obxectivo "recoñecer as persoas e entidades da provincia que destaquen pola súa traxectoria, logros deportivos ou pola súa contribución ao fomento da práctica deportiva".
Xa que logo, e até o 31 de xaneiro, poderán presentar as devanditas candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas "que teñan relación ou estean interesadas na práctica ou promoción do deporte", e "cantas desexen", pero sempre e cando "non sexa máis de unha por categoría", estando admitidas as "autocandidaturas".

Ademais, as persoas que formen parte do xurado, que estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, e integrado por cinco xornalistas, poderán tamén facer propostas de candidaturas ao resto dos membros do xurado.

15 categorías de premios

As bases estabelecen 15 categorías diferentes dos Premios do Deporte Deputación da Coruña: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, mellor deportista veterano masculino, mellor deportista veterana feminina, mellor deportista promesa masculino de base, mellor deportista promesa feminina de base, mellor deportista con diversidade funcional masculino, mellor deportista con diversidade funcional feminina, mellor adestrador, mellor árbitro ou xuíza, mellor entidade colaboradora, mellor evento deportivo, mellor entidade na promoción do deporte de base, mellor entidade na promoción do deporte inclusivo e o premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma, ademais do "recoñecemento social" que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das redes".

Comentarios