mércores 14/04/21

A I Marcha Cicloturista 'Desafío Ezequiel Mosquera' pasará polos Ancares

Esta cita deportiva é unha aposta da Deputación de Lugo e desenvolverase en dúas etapas os días 23 e 24 de xuño.
Ancares
Ancares

A Deputación de Lugo presentou en Becerreá a que será a I Marcha Cicloturista “Desafío Ezequiel Mosquera”. Esta marcha cicloturista desenvolverase os días 23 e 24 de xuño. O sábado día 23, a etapa desenvolverase en Piornedo dos Ancares, cun percorrido de 146 quilómetros e 3600 metros de desnivel, e que transcorrerá polos municipios de Cervantes, Sarria, Becerreá e Navia de Suarna, todo dentro da provincia de Lugo, ademais de introducirse levemente na provincia de León. Os participantes terán dúas opcións de distinta dificultade dentro do traxecto: por Balouta ou por Pan do Zarco. O domingo día 24, a etapa desenvolverase en Teo (A Coruña), cun percorrido de 110 quilómetros e 1900 metros de desnivel, e que transcorrerá polos municipios de Teo, Cuntis, A Estrada e Forcarei, nas provincias de A Coruña e Pontevedra, ó sur de Santiago de Compostela, por onde Ezequiel Mosquera adoitaba realizar os seus adestramentos.

A inscrición está aberta a toda persoa maior de 15 anos con licenza federativa do ano en curso. Aos participantes que non a posúan facilitaráselle unha licenza por un día, co cal estará aberta a todo aquel que queira pasar dúas xornadas inesquecibles de ciclismo. Os que desexen anotarse poderán facelo no Club Deportivo Amigos de Mosquera, ou na súa dirección de correo electrónico: [email protected]
 

comentarios