Zënzar celebra 35 anos de rock na sala Capitol de Santiago

A banda anuncia un tema novo e un libro ilustrado coa historia da banda.
zenzar
photo_camera Zënzar fai 35 anos sobre o escenario.

A banda cercedense Zënzar consolídase como a formación que máis anos ininterrompidos leva facendo rock en galego. 35 anos desde o seu debut. "Trinta e cinco anos bourando" din. A formación -que naquela altura eran Manuel Silveira, Manolo García, Xosé Antón Bocixa, Luís Gómez e Jose Antonio Regueiro (Tabe)— celebrará a súa traxectoria cun concerto especial na Sala Capitol o próximo 23 de decembro.

Zënzar debutou o 23 de decembro de 1988 no disco-pub Non Sei, na Silva, na parroquia de Rodís en Cerceda, e por iso escolleron esa data para a festa de aniversario. Nesta ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, desde os clásicos até os máis novos.

Libro e tema novo

Zënzar comeza así a compartir o seu peculiar aniversario: o concerto na Capitol non será o único, nin é a única cousa que están a preparar: a finais de novembro publicarán un videoclip cun tema novo, mentres que a súa baixista, a ilustradora Laura Romero, avanza no que será o libro (ilustrado) sobre a historia da banda, unha publicación que verá a luz en marzo, e na que converxen decenas de voces que retratan e achegan unha historia -que comeza no 1976 e que aínda hoxe está viva- de contracultura nun recuncho da xeografía galega que foi sempre fértil para o rock e o punk galegos.

Zënzar está composta na actualidade polos fundadores Manolo García (batería) e Xosé Antón Bocixa (voz), xunto a Mario Grela (guitarra e coros), Paco Cerdeira (Pakolas) (guitarra e coros), e Laura Romero (baixo).

As entradas xa están dispoñíbeis desde hoxe en formato dixital e a partir do día 6 de novembro en formato físico, en puntos de Ordes, Cerceda, Carral e Santiago de Compostela.

Comentarios