A zarzuela galega regresa aos escenarios

O Auditorio de Galicia acollerá o 12 de xaneiro A voz humana, representación operística coa dirección artística e escénica de Rafael F. Villalobos. No mesmo recinto representarase o sábado 14 a zarzuela galega A lenda de Montelongo, peza histórica en galego do compositor Bernardo del Río. A obra xuntará sobre o escenario a Cantigas e Agarimos, a Banda de Música Municipal de Santiago e o Coro Liceo de Vilagarcía

Os libretistas (á esquerda) e o Cadro de Declamación do Recreo-liceo de Vilagarcía, nunha reposición de 'A lenda de Montelongo', 1932.
photo_camera Os libretistas (á esquerda) e o Cadro de Declamación do Recreo-liceo de Vilagarcía, nunha reposición de 'A lenda de Montelongo', 1932.

"Hemos loitar pol-o renacimento da música (...) e alentar e axudar á todal-as masas corales de Galicia". Así expresaba Luís Porteiro Garea un dos fundadores das Irmandades da Fala, o apoio destas aos coros, que procuraban a dignificación do folclore galego rompendo o divorcio cultural entre a cidade e o rural. As corais chegaron a exercer unha poderosa influencia cultural e a zarzuela, co seu compoñente teatral e literario, foi unha das ferramentas que empregaron para vindicar os sinais de identidade propios que a ditadura de Primo de Rivera quixo anular. 

En 1924 -o mesmo ano en que Soutullo estreaba La leyenda del beso- representábase por primeira vez, da man da coral Cantigas e Agarimos, unha das zarzuelas máis célebres de entre as que se estrearon naquela época: A lenda de Montelongo, con libreto de Manuel Rey Posse e Juan Buhígas e música de Bernardo del Río. 

 

Amigos da Ópera de Santiago recupera agora esta obra, para poñela en escena os vindeiros días 13 e 14 de xaneiro, en Vilagarcía de Arousa e en Santiago, respectivamente. A montaxe estará dirixida por David Fiuza, e contará coa soprano Patricia Rodríguez, os barítonos Gabriel Alonso e Julio Cores, o actor Gonzalo Valcárcel e a actriz Chus Sánchez, e tamén coa mesma coral da estrea, Cantigas e Agarimos.

"Para nós é unha representación moi especial", declara Jesús Couceiro, presidente de Amigos da Ópera, en conversa con Nós Diario. "É unha zarzuela que representa moi ben os valores das Irmandades, coas que estaba moi comprometido Bernardo del Río, e que é un paradigma do xénero que se deu en chamar zarzuela galega, que evoluciona de forma paralela ao pensamento nacionalista da época". 

A zarzuela galega era un espectáculo multidisciplinar que neste caso, foi reconstruído grazas ao traballo de Javier Jurado, catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo. 

"É unha manifestación dese ecosistema cultural creado polas Irmandades e tamén da fronte cultural que se formou desde a Galiza, Euskadi e Catalunya para facer fronte aos obstáculos postos por Primo de Rivera ao desenvolvemento das culturas destes países". 

A voz humana 

Mais este non é o único espectáculo que pon en escena Amigos da Ópera. Previamente, o día 12 de xaneiro, o Auditorio da Galiza recibirá A voz humana, unha singular adaptación de Le Voix humaine, de Francis Poulenc, con texto de Jean Cocteau, protagonizada pola soprano dramática Nicola Beller Carbone, por Juan Pérez Floristán e polo actor Luis Tausía. 

"Este espectáculo forma parte dunha serie de colaboracións que levamos a cabo con Rafael F. Villalobos un director de escena, dramaturgo, escenógrafo e figurinista sevillano que está desenvolvendo unha carreira espectacular e que crea sempre uns espectáculos moi rompedores", explica Couceiro. "Neste caso introduce un actor que non aparece na versión orixinal de Le Voix humaine e que promete moitas sorpresas". 

Amigos da Ópera de Santiago continúa con estas dúas montaxes o seu propósito de normalizar a programación de espectáculos musicais en galego. "O noso obxectivo último é promover a creación de ópera contemporánea galega e a recuperación de obras sobresalientes da nosa historia musical. Existen varias óperas que nos gustaría traer aos nosos días e que confiamos en poder levar aos escenarios proximamente". 

 

Boa acollida da ópera en galego entre o público

O proxecto de Amigos da Ópera xa deixou espectáculos como Il segreto di Susanna, de Ermanno Wolf-Ferrari, dirixida por Cándido Pazó, ou O segredo de Cristal, de Fernando Buíde, con libreto e dirección escénica de Quico Cadaval. "Son obras cunha acollida realmente espectacular entre o público", relata Couceiro, "e que teñen moi boa repercusión crítica. O punto fraco agora mesmo é a distribución, poder levar estas montaxes a outras cidades. Esa parte está sendo complicada". 

Comentarios