O vigués Brais González estrea a súa ópera en Italia

'Loba Branca' chega ao Festivale delle Nazioni.
O artista tocando o piano. (Foto: Brais González)
photo_camera O artista tocando o piano. (Foto: Brais González)

O pianista e compositor vigués Brais González estreará este vindeiro domingo a súa primeira ópera. Trátase de Loba Branca, encargada polo 55 Festival delle Nazioni de Città di Castello. A ópera conta cun libreto escrito polo propio compositor adaptando unha lenda tradicional da Serra do Courel.

A versión orixinal de Loba Branca está escrita integramente en lingua galega, aínda que para a súa estrea no festival italiano ofrecerase unha versión mixta que mestura pasaxes no galego orixinal con outras traducidas ao italiano. O mestre coral, Mario Cecchetti, foi o encargado de realizar esta tradución.

A estrea correrá a cargo do actor Enrico Paci no papel do Cazador, a soprano Veronica Marinelli como o Lobo Branco e a mezzosoprano Carolyn Beck, que interpretará a Bruxa. O Coro de voces brancas Octava Aurea terá unha dupla tarefa: representará a manda de lobos e os habitantes da aldea.

No conxunto instrumental destacan os nomes da violinista Laureta Cuku e da pianista Mailis Pold. Esta primeira representación da obra terá lugar no Teatro degli Illuminati da cidade italiana de Città di Castello.

O Festival delle Nazioni, nacido na década de 1960, é un dos eventos musicais máis importantes da rexión de Umbría. Por el pasaron nomes como os de Luciano Pavarotti, Krystian Zimeman ou Mstislav Rostropovich. Tamén encargou obras a grandes compositores europeos como Krystof Penderecki.

Brais González

Brais González naceu en Vigo en 1987 e comezou os seus estudos de piano en Vigo cos profesores Aleksandras Jurgelionis, Aldona Dvarionaité e Ricardas Biveinis, cos que tamén estudou composición. Continuou a súa formación na Universidade Mozarteum de Salzburgo baixo a dirección do pianista Rolf Plagge e rematouna nos Conservatorios de Vigo e Oviedo.

Como compositor, é autor de varias obras estreadas pola Orquestra do Conservatorio Mayeusis baixo a dirección de Iminas Kucinskas e Christofer Bochmann. Tamén escribiu obras para a Escola Profesional de Música de Viana do Castelo, interpretadas polas orquestras da EPMVC e do Conservatorio Profesional de Vigo, dirixidas polo profesor Javier Viceiro. É o fundador do Trío Caspervek, dedicado a compoñer bandas sonoras para películas mudas.

Comentarios