100 anos de Cantigas e Agarimos, un doce para a música e o baile tradicionais

O coro Cantigas e Agarimos celebrará o seu cen aniversario cunha homenaxe presencial na cidade que o viu nacer, Compostela. Farao con varias actividades e arroupado polas actuacións de OCT Ultreia e Brincadeira. Música, baile, teatro, tradición, formación... seguirán a abrir camiño con esta xa centenaria formación.
Imaxe dunha actuación no acto de entrega da “Medalla de Ouro” da cidade de Santiago de Compostela a Cantigas e Agarimos. (Foto: Cantigas e Agarimos).
photo_camera Imaxe dunha actuación no acto de entrega da “Medalla de Ouro” da cidade de Santiago de Compostela a Cantigas e Agarimos. (Foto: Cantigas e Agarimos).

O tempo das Irmandades da Fala foi un auténtico fervedoiro de iniciativas en prol da lingua e cultura galegas. Tamén da música. É nesta época cando collen pulo as bandas populares, os gaiteiros (Cachafeiro, Xan Míguez 'Ventosela'...) e, sobre todo, os coros. "Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galiza", seica dixo Antón Vilar Ponte

Os coros funcionaron a principios do século XX como importantes axentes de normalización da lingua galega e de recuperación e promoción da música tradicional e popular. Foron así indo arriba agrupacións que se esparexían por todo o territorio como Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Coral de Ruada (Ourense, 1919), Cántigas da Terra (A Coruña, 1917) ou Cantigas e Agarimos (Compostela, 1921).

Como iniciador, o gaiteiro Perfecto Feixoo e o seu Aires da Terra: "Naquel momento, moitas desas agrupacións foron feitas a imaxe e semellanza do primeiro coro do que temos referencia, Aires da Terra, que xurdiu case como unha necesidade de pór a disposición do pobo e en valor a nosa tradición e idioma", conta en conversa con Nós Diario Manuel Rei, presidente de Cantigas e Agarimos, agrupación que este 2021 celebra cen anos de vida.

De Queixumes a Agarimos

Mais “para falar de Cantigas temos que remontarnos ao ano 1917, á creación do Queixumes dos Pinos”, un coro que viu o seu futuro truncado coa expansión da epidemia gripal española de 1918. Porén, as ansias non decaeron e no ano 1921 algúns "dos superviventes decidiron retomar a formación", mais "coa sorpresa de que o nome Queixumes dos Pinos estaba xa escollido, alguén llo usurpara”, conta Rei. 

Así, coa figura de Bernardo del Río como piar xa desde aquel primeiro Queixumes, levantaron Cantigas e Agarimos. O 29 de xullo de 1921 presentouse á cidadanía no Teatro Principal e na Alameda. A partir de entón viviría en Compostela unha agrupación que no século XX sería xa referente e peza indispensábel da cultura galega. E até a actualidade, cos cen anos de proxección que ten hoxe. 

"Durante cen anos pasamos por movementos sociais e políticos ben distintos, entre eles unha ditadura, e sempre soubemos adaptarnos ao momento para seguir adiante". "É unha alegría poder celebrar o centenario dun coro como Cantigas e Agarimos", mais tamén é "unha responsabilidade", afirma Rei. 

Trátase dunha “data importante" que, pola actual pandemia, non puideron festexar con toda a agrupación no escenario. “Nalgúns espectáculos chegamos a ser 80 ou 90 persoas” nas táboas, mais esperamos “poder facer extensíbel esta celebración ao ano que vén”. 

Facer canteira 

Desde a súa fundación, Cantigas e Agarimos estivo dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, cun traballo activo na consolidación da identidade cultural de Galiza. "Para nós é importantísimo manter ese repertorio tradicional, ese legado cultural que temos, e levar a cabo un labor de conservación e difusión", explica Manuel Rei para Nós. Así, alén do coro, hoxe en día unha parte importante de Cantigas é a súa escola, "que é a verdadeira canteira". 

Unha escola que continúa con pulo, mais "adaptándonos nestes dous últimos anos á situación sanitaria que nos tocou vivir", indica. "Para nós a formación é unha das cousas das que estamos máis orgullosos". Ao fin, unha casa que acolle hoxe "máis de 350 alumnos e alumnas", desde crianzas até maiores. Por iso, baixo o ollar do presidente de Cantigas e Agarimos, e "a pesar de todo", estamos nun momento doce para a música e o baile tradicional galego. "Hai moita xente que vén puxando forte e con moitas ganas", di. 

"Nós queremos que toda esta cultura se transmita de xeración en xeración e que esa xente que vén detrás faga o propio coa mesma paixón e respecto", coa fin de que perdure no tempo, como un prezado legado a conservar. E, precisamente por este motivo, “que a xente veña a Cantigas a cantar, bailar, facer festa e divertirse” é o que procuran desde este centenario coro, porque “ao final non deixamos de ser unha familia”.

Cen anos de Agarimos 

cantigas e agarimos

Desde Compostela teñen programada unha xornada en honor ao 100 aniversario do coro Cantigas e Agarimos. Un encontro especial no que, alén dunha exposición e mural ao vivo, obradoiros de pandeireta e baile e charlas sobre o traxe galego, tamén contarán coas actuacións das formacións OCT Ultreia, Brincadeira e o grupo homenaxeado, Cantigas e Agarimos. A gala será este sábado, 30 de outubro.

[Na imaxe interior, o cartaz deseñado para a xornada "Cen anos de Agarimos"]

Comentarios