Contracultura

Xosé de Cea: "'Coímbra' é unha obra para min terapéutica, axudoume a verbalizar unha realidade interior"

Xosé de Cea é un xornalista con publicacións en poesía e narrativa infantil e xuvenil. Agora publica 'Coímbra' (Galaxia), a súa primeira novela para o público adulto, onde explora as vivencias e as consecuencias da emigración galega en Catalunya.
O xornalista e escritor Xosé de Cea. (Foto: Soqui Cea)
photo_camera O xornalista e escritor Xosé de Cea. (Foto: Soqui Cea)

—Como xurdiu Coímbra?
Abordar a miña infancia e a miña adolescencia a través da escrita é unha teima que teño desde que decidín dedicarme á literatura, a comezos dos anos noventa. Sen chegar a ser algo obsesivo, si que foi unha pulsión latente ao longo dos anos que tentei expresar a través de poemas soltos e relatos de ficción que nunca cheguei a publicar. Hai un par de anos, dei coa chave para escribila: renunciar á ficción e enfrontarme aos feitos esenciais daquela etapa da miña vida desde a verdade descarnada, sen enfeites nin disimulos. Desde ese punto de vista, Coímbra foi unha obra para min reveladora, terapéutica, que me axudou a verbalizar unha realidade interior, a do desarraigamento, coa que nunca me enfrontara.

—Por que enfocar esta historia cara ao público adulto?
Non foi unha decisión meditada. Simplemente, dei resposta a unha pulsión, como xa dixen. O que si me serviu a escrita de Coímbra foi para constatar que, ao non ter en conta a idade dos lectores e das lectoras potenciais, un escribe cunha maior liberdade. Traballar textos para mozos e mozas dunha determinada idade obrígache a adaptarte ao seu nivel de comprensión lectora e ao seu universo mental e cultural, condicionando moito o proceso creativo.

—Cal foi o proceso de documentación?
Para ir aboando o terreo, lin algúns autores, como Juan Marsé, que situaron a acción das súas novelas na Barcelona de posguerra; tamén escritores e escritoras en lingua galega pero nados e residentes en Catalunya, como Amador Castro Moure ou Pura Salceda; ademais de ensaios e crónicas que abordan a realidade charnega de nomes como Javier Pérez Andújar ou Javier López Menacho.

Máis alá de ter a man a Guía urbana de Barcelona 1983-84, decidín non realizar un labor documental exhaustivo á hora de abordar Coímbra. Tirei, no meirande, da memoria e dos relatos escoitados ao longo dos anos de boca de meu pai e da miña mai. Desde ese punto de vista, escribín Coímbra como escribo poesía: sen unha planificación previa e sen un norte cara ao que camiñar.

Apañando recordos en torno a determinados temas, deixando que se rozasen entre si para que faiscase a creatividade. E, como na poesía, nos capítulos finais produciuse a revelación, un desenlace non planificado que supuxo botar luz sobre realidades do meu interior que condicionaron o meu desenvolvemento como persoa ao longo dos anos a pesar de estar agachados na foxa do inconsciente.

—Serviu de vía de escape da pobreza para moitas persoas, mais tamén tivo as súas cousas negativas. Cales son actualmente as consecuencias desa emigración?
Precisamente, Coímbra aborda unha consecuencia directa desa emigración. Tense falado e escrito moito sobre o drama das persoas que tiveron que emigrar deixando atrás as súas raíces, os seus seres queridos, o seu entorno. Pero pouco dos fillos e fillas desa emigración. Cando meu pai e miña nai decidiron regresar á Galiza, eu estaba a piques de cumprir os catorce anos e xa botara raíces en Barcelona.

Tiña o meu círculo de amizades, os meus amores e desamores, un hábitat propio que a medida que medraba ía ampliándose. Sentíame plenamente catalán, barcelonés. Por iso, cando meu pai e miña nai retornaron, a min arrincáronme de raíz para transplantarme a unha Galiza rural que pouco ou nada tiña que ver coa que coñecía das vacacións estivais e moito menos coa Barcelona na que nacera e me criara.

O que para eles foi regresar, para min supuxo un exilio traumático que marcaría o resto da miña vida. O sentimento que arrastras defíneo moi ben Pura Salceda na súa novela O paxaro de nácara nunha cita que reproduzo ao comezo do meu libro: “Un lugar que cremos aínda noso pero que non nos recoñece, que nos converte noutros, porque en realidade somos só unha pantasma entre dous mundos e xa non pertencemos a ningún deles”.

Comentarios