sábado 19/09/20

A xornalista Lara Rozados gaña o Premio de Poesía Victoriano Taibo con “O caderno amarelo”

O caderno amarelo da xornalista e escritora Lara Rozados resultou gañadora do VII Premio de Poesía Victoriano Taibo. A obra será o seu primeiro libro e sairá publicada polo Instituto de Estudos Miñoranos. 

Lara Rozados
Lara Rozados

Con O caderno amarelo, a xornalista Lara Rozados resultou gañadora da sétima edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, dotado con 3.000 € e que será entregado, como cada ano, nun acto cultural que se desenvolverá no mes de novembro. 

As escritoras e escritores Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Rexina Vega, Ramón Sandoval e Miguel Anxo Mouriño formaban parte do xurado que escolleu a obra de Rozados entre as catro que foran seleccionadas como finalistas. Será o primeiro libro publicado desta autora que, porén, conta xa cunha ampla traxectoria no mundo cultural e literario. 

Como xornalista, Lara Rozados traballou nos seus inicios en Vieiros e A Nosa Terra, cabeceiras nas que centrou de maneira especial no xornalismo cultural, ámbito que abandonou para se dedicar ao teatro na compañía Berrobambán. No ámbito do xornalismo a súa sinatura formou parte tamén da redacción do Faro de Vigo na edición do Deza e de Sermos Galiza, onde, entre outros moitos traballos, coordinou o A Fondo especial dedicado a Roberto Vidal Bolaño. 

Con Histeria Teatro continúa a súa traxectoria no mundo da arte dramática mentres que no ámbito literario varios textos da súa autoría apareceron publicados en fanzines do Cineclube de Compostela. Participa tamén noutras iniciativas culturais como Itaca ou a plataforma de crítica feminista A Sega. O caderno amarelo será, malia iso, o seu primeiro libro. 

A xornalista Lara Rozados gaña o Premio de Poesía Victoriano Taibo con “O caderno amarelo”
comentarios