Os xogos tradicionais xa están na rede

O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico presentaron en socieade a páxina web e a aplicación móbil chamadas Xogos tradicionais, pensadas para que as propostas de lecer pasen do mundo dixital ás rúas galegas.
Algúns dos xogos que inclúe a nova páxina web. (Foto: Nós Diario) #xogos #xogostradicionais #observatoriolúdico #ccg
photo_camera Algúns dos xogos que inclúe a nova páxina web. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico culminan a súa iniciativa de aproveitar as novas tecnoloxías para difundir os xogos tradicionais da Galiza coa posta a disposición destes entretementos na rede.

O resultado quedou encaixado baixo a web e a aplicación móbil -dispoñíbel quer para Android, quer para Apple- chamada Xogos tradicionais.

Tanto o portal web como a app fornecen ao público información de medio centenar de propostas de lecer. “Do puño puñete á petanca, pasando pola chave, a cadeira de raíña.... son algunhas das propostas que se poden atopar no proxecto”, presentado onte pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o coordinador técnico, Manuel Gago; e dous representantes das diferentes entidades que integran o Observatorio, Paco Veiga e Xosé Manuel Barreiro”. 

Aliás, Manolo Charrancas, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, lanzou o peón máis pequeno do mundo. 

"Revitalizar" o seu uso entre as crianzas

Máis aló da presentación de onte, a iniciativa xurdiu coa intención, segundo Álvarez, de “revitalizar o seu uso para que volvan formar parte do día a ía da nosa sociedade” apuntou a presidenta Rosario Álvarez.

Nesa idea tamén incidiu Paco Veiga, do Observatorio do Patrimonio Lúdico, que concretou que “a idea é que nun minuto se poida pór en práctica o xogo”. 

A idea non é que o contido quede só nun catálogo dixital senón que poida saír cara a parques e rúas.

Así, o Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico refírense a esta ferramenta como un “apoio para nais, pais e docentes que queren incorporar os ancestrais xogos da nosa cultura ao acervo familiar”.

Comentarios