Xoel López, Novedades Carminha e Ortiga poñen a banda sonora a Vilalba

O FIV, que comeza esta sexta feira, aposta tamén nos talentos emerxentes.
Actuación nunha pasada edición do festival. (Foto: FIV Vilalba) #festival #fivvilalba #música #xoellópez #ortiga #novedadescarminha
photo_camera Actuación nunha pasada edición do festival. (Foto: FIV Vilalba)

O Festival Independente de Vilalba (FIV Vilalba) supera o número da mala sorte e chega esta fin de semana á súa XIV edición cunha programación moi potente a pesar de que a organización tampouco renuncia á seguridade fronte a Covid-19. Bandas e solistas de sobra coñecidos polo gran público, como poden ser Xoel López e Novedades Carminha, comparten cartel con novos talentos que eclosionaron na Galiza nos últimos anos como Ortiga ou Momboi. Aliás, estarán na capital da Terra Chá Zahara e La Bien Querida.

Esta cita indispensábel xa na axenda de calquera amante da música decorre entre esta sexta feira e o domingo, se ben os proxectos máis recoñecíbeis subirán ao escenario este sábado. 

A primeira en botar man do micrófono será La Bien Querida, unha artista que aposta na fusión, e logo chegará o momento de Ortiga, que vén de sacar á rúa o seu último traballo Sabes el camino que elegí

Logo será a quenda de Xoel López, un dos artistas "máis recoñecidos na escena independente", ao que seguirá Novedades Carminha, grupo que de seguro avanzará algúns dos novos temas que se poderán escoitar a partir deste outono. Fechará a noite no escenario principal Zahara. No entanto, o auditorio municipal acollerá esta sexta feira a área reservada a talentos emerxentes, entre os que estarán Momboi, Magical Colors e Dani e Melenas.

O domingo será o momento de especial protagonismo da Banda de Música de Vilalba, coñecida por adaptar temas de bandas míticas como Bon Jovi ou Deep Purple. A actuación será ás 17 horas na praza da Constitución se a meteoroloxía o permite. 

Ademais, como en ocasións anteriores, a organización do FIV promove actividades para as crianzas polas mañás. Porque neste evento ten cabida todo o mundo con independencia da idade, da orixe...

Malia a forza coa que chega o festival, nin as promotoras nin o público poderán ser alleos ao coronavirus. Haberá protocolos específicos para evitar contaxios. 

"Cúmprense todas  as medidas de seguridade non máis  amplo sentido, tanto ao facelo nun formato totalmente diferente ao que era o FIV habitualmente, como nun espazo fechado e con cadeiras e mesas para grupos de 4 persoas", sinalou a alcaldesa, Elba Veleiro.

A billeteira estará habilitadas na Casa da Cultura esta sexta, de 12 horas á medianoite, e o sábado de 10 a 22 horas para trocar o abono pola pulseira de acceso ás diferentes zonas.

Comentarios