Volver a Eusebio Lorenzo Baleirón

O poeta Eusebio Lorenzo Baleirón cumpriría neste ano medio século de vida, aniversario que coincide coa 25 edición do premio que leva o seu nome, creado xa despois da súa morte. As contas quedan á vista, Eusebio morreu moi novo pero deixou unha sólida obra e unha memoria de afectos que se percibe no seu entorno máis próximo. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega réndelle este sábado día 17 ás 12.30 unha homenaxe en Laíño, concello de Dodro.
Eusebio Lorenzo Baleirón
photo_camera Eusebio Lorenzo Baleirón

En 1962 nacía en Laíño, nas terras de Rosalía, Eusebio Lorenzo Baleirón, un neno que ía ser precoz en moitas facetas da vida, entre ellas, na propia morte. Pasados máis de vintecinco anos do falecemetno o 14 de decembro de 1986, a distancia do tempo parece dilatar a vida de Eusebio. Licenciouse en Filoloxía Galega e foi profesor de ensino medio, tiña en marcha unha investigación sobre o poeta portugués Ramos Rosa, home de múltiples lecturas e obra publicada e inédita, amante e estudoso da lingua, dinámico promotor de iniciativas culturais, veciño querido de Laíño e imprescindíbel amigo dos poetas do seu tempo.


A nómina dos 25 anos do premio que leva o seu nome xunta un amplo e relevante ronsel da nosa poesía contemporánea. Todos eles contribuirán ao libro con poemas que se está a preparar para conmeorar a data, xunto cunha exposición, unha biografía e unha antoloxía poética, proxectos nos que están implicadas persoas do seu entorno como Nel Rodríguez, Anxo Angueira ou Paulino Vázquez.

En Laíño, nas casas dos amigos e, moi especialmente, na da súa familia, a memoria de Eusebio é lembrada con tanta afectividade que transmite con facilidade a súa calidade humana. “Eusebio era un rapaz como calquera da súa idade pero cun grande sentido poético”comeza Manuel Lorenzo Baleirón, o irmán que lle levaba cinco anos e recente gañador xunto coa súa filla do Premio Xerais de Novela. Sitúa nos inicios poéticos de Eusebio o maxisterio de Bernardino Graña en Padrón, nas aulas que compartiu co tamén poeta Anxo Angueira. Os datos acumúlanse nunha rápida biografía. Estudou Filoloxía en Santiago, comezou a publicar na revista Dorna, entrou no ILG e aprobou as oposicións cando a enfermidade xa comezaba a mostrar os seus efectos. Tivo moita relación coa literatura portuguesa, en especial con Ramos Rosa, con quen estivo en varias ocasións e de quen tiña previsto facer a tesiña. Gañou varios premios, o Celso Emilio Ferreiro e o Facho entre eles, e quedou en varias ocasións finalista no Esquío. Foi pai de Flavia e xuntou unha morea de amizades ao seu arredor. “A intensidade da súa vida transmítese na obra. Tiña paixón pola literatura que, para el, transformaba o mundo” comenta Manuel, que lembra a Eusebio sempre rindo, coa súa faciana que contaxiaba alegría.

"Tivo moita relación coa literatura portuguesa, en especial con Ramos Rosa, con quen estivo en varias ocasións"

Parella a esa forma xenerosa de ser está o afecto dos de Laíño, dos viciños e viciñas que cada ano asisten á entrega do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, un dos acontecementos culturais de máis pegada popular dos que se celebran no país. “Xenerou moitos afectos e iso vese neste acto. Ven xente de todas as aldeas” sinala Manuel.


Desde case o inicio e até a súa morte, a vida de Eusebio Lorenzo Baleirón camiñou á par da do escritor Anxo Angueira. Eran veciños e foron xuntos á escola, logo ao instituto no que coincidiron nas aulas de Bernardino Graña e despois á Universidade. Lémbrao moi dinámico, activo a toda hora, con moreas de inquietudes que falan da súa rica personalidade. “A súa obra necesita unha nova lectura cos ollos do noso tempo. A morte prematura faino singular pero a dimensión da súa poesía é sorprendente, parece inesgotábel” comenta Angueira.

Poemas definitivos

A Manuel Lorenzo Baleirón non lle costa moito debullar as referencias literarias de Eusebio. Rosalía era para el fundacional. Devecía por Manuel Antonio, Cunqueiro e Ferrín, piares fundamentais na súa poética.

Con Rosalía comparten terra Angueira e Lorenzo Baleirón. Xuntos leron a Manuel Antonio e Angueira lembra o impacto que produciu neles a obra poética de Ferrín e Cunqueiro, nomes que se repiten na conversa do seu entorno. “Manuel Antonio foi unha grande descuberta e Cunqueiro a ancoraxe definitiva” comenta o amigo, ao lembrar os intensos anos de mocidade compartidas, con aprendizaxes non só literarias senón tamén políticas e vitais. “Da súa obra quedaríame coa delicadeza, mesmo diante da morte, da despedida” di o presidente da Fundación Rosalía de Castro.

“Da súa obra quedaríame coa delicadeza, mesmo diante da morte, da despedida” di Angueira. 



Con Paulino Vázquez achégase á filosofía, á lectura que Heidegger fai de Hölderlin ou ao Tractatus de Wittgenstein, que buscaron con entusiasmo nos anos mozos. “Tiña claro o que lle interesaba e por onde ían ir os seus estudos. Tiñamos unha preocupación pola linguaxe como fundamento do ser humano cunha visión poética do mundo” define Vázquez. Iglesia Alvario, Ramos Rosa, Mário de Sá Carneiro, Dante ou Cunqueiro é o amplo abano de referencias que Paulino sitúa no poeta amigo. “Non era só unha relación literaria, estudabamos xuntos os exames pero tamén iamos de excursión. Santiago non prendeu nel, gustáballe regresar a Laíño. Carecía de calquera impostura cultural”. Como un “acto relixioso en versión profana” define a entrega dos premios que en Laíño leva o seu nome, ao que sempre asiste Paulino Vázquez, nesa reverencia ao amigo na memoria.

Para Paulino Vázquez, a de Eusebio é unha poesía nova, suxerente para poetas que están a comezar a súa traxectoria literaria. Non hai, ao seu ver, unha débeda de lectura nos novos nomes da nosa literatura, ben ao contrario, di comprobar como todos e todas as gañadoras do premio coñecen a obra de Lorenzo Baleirón. “A súa obra está presente. Malia ter morto tan novo atopamos na súa creación poemas definitivos, un obxectivo que sempre se busca na poesía pero que non é fácil de atopar. Eusebio dá con el e crea algúns poemas que son xoias como o poema á Alfama” remata Paulino.

Solidez literaria para as Letras

Na xeración dos noventa sitúase Carlos Negro, un poeta que ten traballado a obra de Eusebio Lorenzo e colabora na conmemoración do aniversario do premio. “Trátase dun poeta moi maduro para o novo que era, dotado dun grande nivel literario e cunha simboloxía moi depurada” valora Carlos Negro. Coida que a súa sería unha candidatura sólida para o Día das Letras Galegas, como xa se indicou na anterior lexislatura do Concello de Dodro, e un motivo para volver sobre toda a xeración dos 80. “Debería ser máis lido” defende.

Os días olvidados (Algalia editores) e O corpo e as sombras (Edición do autor) ven a luz en 1985, ano no que tamén publica O libro das viaxes e dos soños (Vía Láctea), prosa poética que foi lida en centros escolares. A morte presentida (Sotelo Blanco) publícase en 1988 xa a título póstumo, dous anos despois da súa morte en 1986. Cando se cumpriron dez anos da súa morte saiu do prelo Gramática do silencio. Obra poética (Espiral Maior, 1996), un volume no que se recollían ademáis da obra publicada, todos os seus poemas inéditos e que logo viría a luz en Rinoceronte coa traducción ao español de Moisés Barcia e Penélope Pedreira. En Antología Poética (Espiral Maior 2000) unha selección da súa obra presentábase en versión bilingüe galego-español.  

Cesáreo Sánchez Iglesias, Paulino Vázquez, Carlos Negro e un membro da súa familia participarán o sábado 17 no acto da AELG en Laíño no que tamén se colocará unha placa na casa familiar. 

Comentarios