Tres visións femininas da arte nunha mostra da Coruña

A exposición Komorebi, que reúne obras de Beatriz Ansede, María Manuela e Yolanda Carbajales. 
Inauguración da exposición na galería Xerión.
photo_camera Inauguración da exposición na galería Xerión.

Até o vindeiro 19 de novembro pode visitarse na Galería Xerión da Coruña, sita no nº 17 da Avenida de Rubine, a exposición Komorebi, que reúne obras de Beatriz Ansede, María Manuela e Yolanda Carbajales. 

 A palabra komorebi é de orixe xaponesa e non posúe una tradución exacta ao galego, pero vería significar "a luz que se filtra entre as pólas das árbores". Así, "komorebi vén sendo una metáfora da Arte e a práctica artística na sociedade. A luz da Arte é precisa hoxe máis que nunca para aliviar tantos desastres como están acontecendo", explican as organizadoras. 

 

As artistas 

Yolanda Carbajales centra o seu traballo na luz, mediante a técnica do gravado á maneira negra. Recibiu numerosos premios e distincións, como o V e XIII Premio Internacional Atlante do Museo do Gravado de Artes (Ribeira), o Premio María Teresa Toral, XVIII Premio Nacional de Gravado MGEC de Marbella (Málaga) ou a Mención de Honra na Exposition Européenne 2009 (Bruxas, Bélxica), entre outros. 

María Manuela Díaz Orjales, coñecida como María Manuela, é unha cantante e artista de ampla traxectoria. Expuxo en numerosos lugares de toda Galiza, España e Europa. Formou parte de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Gallegos). Participou con cinco cadros no Proxecto “Elas” da Catedrática da lingua e literatura galega Aurora Marco, un libro e exposición na que se reivindica o papel das mulleres na sociedade galega. 

Beatriz Ansede, pola súa parte, investiga sobre distintos soportes e técnicas pictóricas, pasando por varias etapas evolutivas, e colaborando ademais en numerosos proxectos de ilustración -como no libro de Xulio Valcárcel Se envellecemos xuntos-, muralística e pintura e animación cultural. A súa obra figura en diferentes coleccións públicas e privadas de Galiza e doutros países.  

 

Comentarios