luns 06/12/21

'Á procura de luz', unha mostra dos gravados de Yolanda Carbajales

Inaugúrase mañá en Compostela, no Pazo de Fonseca, até 20 de febreiro.
'Noite anoada!', mezzotinta de Yolanda Carbajales.
'Noite anoada!', mezzotinta de Yolanda Carbajales. (Foto: Yolanda Carbajales)

A Universidade de Santiago de Compostela inaugura mañá ás 20 horas unha mostra arredor da obra da gravadora Yolanda Carbajales, que se poderá visitar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca até 20 de febreiro. Está organizada en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e o Concello de Ribeira e comisariada por Xoán Pastor Rodriguez e Carlos L. Bernárdez.

Baixo o título Á procura de luz a exposición sintetiza a propia técnica empregada pola artista: o gravado á maneira negra, á media tinta ou ao fume, inventada polo alemán Von Siegen no século XVII. Esta estampación reproduce transicións de claroscuros con precisión fotográfica en branco e negro, fronte a outros procedementos calcográficos e directos, como o buril, a punta seca ou o punteado.

Intimidade e tensión

Na obra da recoñecida gravadora, nada en Venezuela pero viguesa de adopción, "latexa un pouso alegórico ben recoñecíbel", asegura Bernárdez, que admite ao tempo que "pode sorprender" esta referencia "nunha artista contemporánea, mais non se debe entender nun sentido tradicional".

Así pois, Carbajales emprega imaxes que lembran "o mundo visual codificado na tradición pictórica", especialmente aquel que ten a ver coa mitoloxía ou a historia da arte, alusións recreadas ao longo de varias pezas que non son simples citas, senón que se transforman "nun mundo extremadamente persoal, que comeza a manifestarse na precisión e limpeza técnica".

O resultado son representacións variadas, que se "afastan da negatividade e do convencionalismo que pexa a nosa existencia cotiá", asegura o comisario, colaborador do semanario Sermos Galiza.

O gravado sérvelle á artista "para afrontar o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (plástico e temático) en que os motivos de intenso contido cultural e vivencial, lonxe de coartaren a liberdade formal, funcionan como liberadores e enriquecedores", entende Bernárdez.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Como complemento desa "pulcra tensión" e da reflexión presente en parte da obra, "aparece frecuentemente outra liña temática que se concreta en singulares captacións da intimidade, un aspecto que remite nas súas diversas representacións a unha lectura das constantes presenzas da representación física na nosa cultura", que se fai "explícito territorio" para pensar "a tradición e o presente".

Pon como exemplo os gravados "con escenas de forte carga onírica e cun pulo vital que, en particular, o universo feminino transmite". No conceptual, Carbajales ten ademais "unha forte vontade de discurso, de carga semántica".

A luz procurada

"Da escuridade do misterio á procura da luz, Yolanda Carbajales crea unha tensión para o espectador, que ve saír do negror a obra de arte", engade Partor Rodríguez. Supón así "un exercicio introspectivo que nos interroga" e leva a "examinar a condición humana, logrando unha pulsión emocional que percorre un camiño da nada á creación".

Desde o negro á pluralidade de tons, coa técnica do graneado e do rascado de prancha de metal, elabora "un mundo suxestivo que acada o seu cume no branco, na luz absoluta, a luz da beleza, do coñecemento e da paz".

Desta maneira, asegura o comisario, a pesar da contemporaneidade das pezas, "o espectador non deixa de presentir algo máis alá, máis profundo, mais enraizado na tradición occidental: unha certa categoría alegórica persoal chea de técnica limpa e clara". E é que Carbajales transita "da memoria artística colectiva á instrospeccións do eu".

'Á procura de luz', unha mostra dos gravados de Yolanda Carbajales
comentarios