A videocreación galega máis audaz, no Fanzine Fest 2023 da Coruña

A sección de cine e audiovisual do festival ofrecerá unha xornada de proxeccións abertas ao público o 5 de decembro no auditorio da Domus.
'Kitana', de David Fidalgo.
photo_camera 'Kitana', de David Fidalgo.

O festival de música electrónica de vangarda Fanzine Fest, cuxa novena edición se celebrará do 4 ao 9 de decembro de 2023, anuncia a programación de FPS-BPM, o apartado específico do evento dedicado ao cine e ao sector audiovisual. A terza feira 5 de decembro o público poderá descubrir nos Museos Científicos Coruñeses as novas propostas da videocreación galega máis destacada do momento.

A Domus acollerá unha xornada, cuxa entrada será gratuíta até completar aforo, na que artistas do panorama galego presentarán as súas obras de videoarte máis recentes. Colectivo MIL 111, Verbose, Allova, Colectivo MOM, CZARINA e os Kitsunés, Jairo Moreno e David Fidalgo serán as figuras participantes nunha sesión que incluirá, tras a exposición das pezas -tanto de carácter experimental como en formato de videoclip- , un coloquio co público  asistente que contará con María Núñez e Juan Lesta, comisarios de FPS-BPM, como moderadores.

O Colectivo MIL 111, o dúo artístico vigués formado por Iria del Bosque e Borja Bernárdez, presentará no Fanzine Fest Autoescopia: ou universe observándose a si mesmo, un traballo que se inspirou na coñecida reflexión de Carl Sagan. Pola súa parte, o instrumentista e deseñador sonoro Carlos Bravo presentará Cyra, unha performance audiovisual que materializa a traxectoria do seu proxecto Verbose; e o Colectivo MOM (o trío formado por Miryam Pato, Óscar Domínguez e Manuel Fonte) presentarán Test, a súa nova peza experimental.

Ademais, durante a xornada FPS-BPM tamén se poderá ver o novo videoclip de Allova, que nace froito da colaboración entre a versátil cantante, pianista e produtora Alla Mukhaylova e o multidisciplinar Darío Perez; ou o vídeo Ulla, peza creada por Jairo Moreno para o sinxelo homónimo do grupo Músculo, que actuará nese mesmo espazo o día 6. Durante a sesión do día 5 tamén se proxectará o videoclip de animación Kitana, creado por David Fidalgo para Delone; ou A voda do raposo, película musical creada polos premiados Kitsunés (Vero Faye e Carlos Kitsuné) para o proxecto sinfónico e de dark electrónica Czarina, que dirixe a propia Vero Faye.

Videoarte no planetario

Ademais da xornada FPS-BPM, a creación de vídeo estará presentena apertura do Fanzine Fest. O 4 de decembro, Planetario x WE acollerá a proxección, en formato fulldome, de Génesis, de Gnomalab, o proxecto creativo do artista catalán Juanjo Fernández Rivero, que regresa ao festival en 2023.   

Comentarios