Máis

Viaxe no tempo a través das xudarías

Durante a Baixa Idade Media, centos de xudías e xudeus instaláronse en vilas como Monforte, Ribadavia ou Tui, coincidindo coa prosperidade que caracterizaba o Reino da Galiza nese período. A poboación hebrea deixou pegadas imborrábeis que hoxe permiten reconstruír o seu modo de vida.
Xudarías
photo_camera Recreación de voda xudía en Ribadavia, O Ribeiro. / Festa da Istoria de Ribadavia

A riqueza etnográfica que sempre caracterizou Galiza segue viva en moitos puntos do país. Algunhas vilas como Monforte (Terra de Lemos), Ribadavia (O Ribeiro) ou Tui (Baixo Miño) preservan os vestixios das xudarías, os barrios medievais nos que habitaba poboación hebrea. Arquitectura civil e relixiosa, gravados e textos son algunhas mostras dun valioso patrimonio que aínda hoxe se conserva nestas localidades.

Xudaría de Monforte

Monforte de Lemos foi unha das vilas que máis poboación xudía recibiu durante a Baixa Idade Media, especialmente entre os séculos XIII e XIV. Do mesmo modo que noutros lugares, os xudeus monfortinos non foron obrigados a recluírse en barrios illados, senón que se asentaron en diferentes zonas da cidade.

Porén, si hai partes da cidade que conserva maior congregación de vestixios patrimoniais. Algúns dos espazos nos que os xudeus desenvolvían parte da súa actividade sociocultural hoxe son un reclamo turístico. Un deses lugares sinalados é a Porta Nova, unha estrutura monumental construída entre 1470 e 1486 polo primeiro conde de Lemos sobre outra porta que era anterior.

Este acceso, que controlaba o tránsito dos comerciantes e a circulación dos carromatos que abastecían de mercadorías a vila, conectaba cun núcleo de vivendas xudías que non se conserva na actualidade.

Outro dos puntos neurálxicos da comunidade xudía era a rúa Falagueira. Esta vía que unía a Porta Nova coa da Peixaría era unha das arterias principais que percorría diariamente a veciñanza xudía. Ao fondo desta rúa, no último tramo, localízanse as casas dos Gaibor, a familia de xudeus e conversos (hebreos convertidos ao cristianismo) máis relevante de Monforte.

Algúns membros foron grandes comerciantes,  outros ocuparon cargos de certa importancia na administración local. Os escudos da fachada engadíronse con posterioridade á  construción dos inmóbeis xa que os cristiáns novos no podían lucir escudo propio.

Na porta da Peixaría comeza a rúa co mesmo nome, que percorre a muralla e conecta máis adiante coa rúa da Zapataría, onde vivían familias xudías. Perto de alí xorde a rúa Abelardo Baanante, considerada durante moito tempo  a avenida principal da xudaría. Tamén recibiu outras denominacións como a Calexa e a rúa Nova. Comunica directamente con outro dos monumentos da cidade: a Ponte Vella, obra do mestre Pedro Rodríguez de Remberde.

Xudaría de Ribadavia

A xudaría de Ribadavia xurdiu aproximadamente entre os séculos XII e XIII impulsada pola instalación de xudeus desde o século X na localidade de Celanova e pola existencia dun mercado forte en Ribadavia. Nesta localización, na que aínda se conserva parte do legado arquitectónico xudeu, ten lugar anualmente unha das festas medievais máis multitudinarias de toda a Galiza: a denominada  festa da Istoria.

Este evento celébrase de forma consecutiva desde o ano 1989, momento no que a Escola Obradoiro de Santo André decidiu representar un feito histórico determinado que xeralmente consiste nunha batalla.

A organización do evento, que este ano se celebrará os días 25 e 26 de agosto, corre a cargo de máis de cincocentos voluntarios agrupados desde a desaparición da Escola Taller de Santo André nunha organización veciñal constituída no ano 1991, que pasou a denominarse Coordinadora da Festa da Istoria, legalmente rexistrada como asociación no ano 1996, para constituír a Fundación Festa da Istoria no ano 1998. 

Durante a cita organízase unha cerimonia de casamento xudeu que constitúe un dos principais atractivos. O oficiante,  na meirande parte dos casos un rabino, pronuncia sobre a parella sete bendicións. A continuación, os tres beben dunha copa de viño. 

Este evento festivo goza de numerosos recoñecementos. En 1997 foi declarada de Interese Turístico polo Goberno estatal e no ano 2000 recibiu o premio da Canle de Historia. Na actualidade  pertence á entidade Federación Europea de Festas Históricas.

A festa da Istoria percorre as rúas máis emblemáticas da vila, moitas delas vencelladas ao seu pasado hebreo. É o caso da rúa Merelles Caula. O seu antigo nome era rúa da Xudaría, unha denominación que probabelmente respondía á importancia que tiña esta vía para a comunidade xudía.

Algunhas fontes sitúan nesta rúa unha sinagoga. A rúa Merelles Caula avanza cara á praza da Madalena, unha intersección que une as rúas da Porta Nova de Arriba, San Martiño e Santiago, ademais de conectar tamén coa praza de Buxán.

Outra das vías máis importantes é a rúa da Porta Nova de Abaixo que discorre en paralelo á muralla. Destaca especialmente nesta zona o azulexo que viste algunha das vivendas que evoca as raíces hebreas.

Ao final da rúa Porta Nova de Abaixo localízase o arco da Porta Nova, que permite o acceso desde a vila até o río Miño, polo camiño da Baixada á Barca. Nese punto estabelécese o límite sur do barrio xudeu. 

Xudaría de Tui

A xudaría de Tui preserva un importante patrimonio vencellado á presenza da comunidade xudía e conversa que se instalou na vila durante os séculos XII e XIII. A Torre do Xudeu, edificada en 1170, é un dos elementos simbólicos que caracterizan á xudaría. Ficou integrada a partir do século XVIII dentro do recinto da residencia dos Branco-Cicerón, membros da fidalguía tudense.

O barrio da Oliveira, nome  que recibiu durante a Idade Media a a parte alta da cidade de Tui, discorre pola actual rúa das Monxas onde aínda prevalecen algunhas casas ben conservadas.

Outro dos elementos senlleiros que sobrevive ao paso do tempo é o Túnel das Clarisas. A súa contorna pertenceu durante a época medieval ao sistema defensivo da cidadela catedralicia na zona máis alta. O itinerario da xudaría de Tui tamén contempla a visita da rúa Seixas, anteriormente coñecida como Adegas, que amosa a importancia que tivo o viño como principal produto de exportación da cidade. 

Esta vía conduce cara á Porta da Pía, considerada a principal porta da vila  medieval. Este acceso é o único do que aínda se conservan restos.

Comentarios