Máis

Viaxe ao pasado coa Romaría Labrega

Chega unha nova edición da Romaría Labrega da Chaira á aldea dos Vilares co obxectivo de encher de música, deporte, gastronomía e xogos populares, entre moitas outras actividades, o concello de Guitiriz. Isto na procura de reivindicar o valor dos oficios tradicionais que se desenvolvían no rural galego nunha xornada de xuntanza para a veciñanza. 
romaria labrega 7
photo_camera Esculturas con motoserras na Romaría Labrega da Chaira no 2022. (Foto: Sony Fe Pe)

No concello de Guitiriz  (comarca da Terra Chá) soan os golpes da malla. O bater no cereal que separa semente de palla volve revivir esta fin de semana na XXXI edición da Romaría Labrega da Chaira en dous días que buscan, como asegura en declaracións a Nós Diario Luz Veres Cordeiro, membro da organización do evento, "mostrar á xente máis nova ou á xente da cidade que non sabe o que son os labores de campo como se levaban a cabo os oficios tradicionais".

Hoxe e mañá a Carballeira do Cancelo (Os Vilares) é escenario dunha romaría cuxas orixes se remontan aos anos 90 e que naceu, como explica Luz Veres, grazas a un "grupo de persoas que querían facer unha xuntanza" e recrear o pasado labrego. A asociación de veciños dos Vilares é a encargada de xestionar estes días de troula, tradición e historia con Xurxo Souto a cargo do pregón, un persoeiro con certa vinculación coa celebración, chegando a actuar na festa co grupo Os Diplomáticos do Monte Alto. Souto, pola súa parte, relata para Nós Diario que a súa relación coa Festa Labrega é "tremendamente emocional", salientando que "está recuncando" porque non é a primeira vez que ostenta a responsabilidade do pregón.

Así, non dubida en afirmar que este tipo de eventos xogan un papel capital na preservación da tradición e no "futuro da cultura". Chegando a aseverar que na Galiza existe un "modelo galego propio de festival para o futuro". Para Xurxo Souto, o Festival Labrego da Chaira representa "a sublimación da festa tradicional da aldea que supón a comuñón total coa natureza e a cultura do país" e que se constrúe a través do cariño de toda a veciñanza. Nas súas propias palabras, "unha festa na que todas e todos somos protagonistas".

Troula e tradición

Hoxe á mañá comeza a romaría coa xa tradicional ruta cabalar cun menú especial para o xantar que axude a recuperar os folgos. Ás 10 horas abre a III Mostra de Artesanía da Romaría Labrega. Unha actividade na que se pode asistir á elaboración e venda de diferentes produtos artesanais e que completa unha programación na que deporte, música, gastronomía, xogos populares, actividades para a rapazada ou recreacións de oficios aparecen mesturados para conseguir alternativas variadas dentro das posibilidades de ocio que ofrece esta festa.

Continúa a programación coa XXVIII edición da carreira popular da romaría e a súa correspondente versión infantil. Para seguir coa troula, a sesión vermú corre a cargo das gaitas, tambores, bombos e pandeiretas do grupo de música tradicional Os Varacuncas de Rodeiro. Así mesmo, amenizará tamén o grupo guitiricense das Pandereteiras na Casa do Zoqueiro que, desta volta, e como parece indicar o seu nome, xogan na casa. A festa enche a carballeira do Cancelo cun xantar campestre con sorpresas para as persoas asistentes. Á tarde é a quenda dos xogos populares, as carreiras de cabalos e mesmo o sorteo dunha vaca rubia galega. Unha sobremesa que permitirá quencer motores para a noite folk da romaría.

Con liscos de carne de porco e chourizos para recobrar forzas de balde, o grupo tradicional de voz e percusión Pelepau e o músico multiinstrumentista Pulpiño Viascón fechan a noite pondo a nota musical. Unhas actuacións que desde a organización destacan por supor un reto orzamentario. Neste sentido, agradecen especialmente a axuda económica da Comunidade de Montes do Vilar para conseguir unha maior capacidade para a configuración da programación e poder mellorar cada edición sen deixar de "procurar sempre incluír algunha novidade", como relata Luz Veres.

Mañá a festa soa a motor porque a xornada comeza ás 12.30 horas coa terceira marcha de vehículos antigos. A música fai eco na carballeira coa agrupación local Os Trapeiros dos Vilares e, sen deixarse agardar, a enerxía incontrolada da Mekanika Rolling Band invita a tomar un refrixerio na sesión vermú. Á tarde é a quenda da Romaría Pequena para que os nenos e nenas da casa teñan un espazo no que divertirse co espectáculo de Cé Orquestra Pantasma e xogar nunha festa da escuma pensada para desfrute da rapazada.

A fin de semana da romaría achégase ao seu final e, de novo, chourizos e liscos para mellorar o sabor agridoce dunha festa que remata. Mais  antes diso chega o momento álxido, a recreación histórica da malla con maquinaria do veciño da zona Ramón Pardiñas. Unha actividade que se reincorpora este ano despois dun tempo sen celebrarse. Isto seguindo a dinámica habitual da Romaría Labrega de focalizar a atención cada ano nun oficio distinto e resultando protagonista na edición anterior a talla de esculturas con motoserra.

Desde a organización aseguran que as mallas eran uns labores moi típicos da zona que permitían "xuntar os fillos e as familias nun traballo que unía a todo o mundo". Un espírito que buscan agora reproducir, mantendo presente que estas son unhas xornadas de "xuntanza para a veciñanza" que, en moitos casos, "resultan o único momento de reunión de familias enteiras".

Unha historia da malla

A malla é a acción de bater no cereal que, coas mellora técnicas, foi evolucionando no tempo. Nos albores da historia, o petar dos cultivos contra o chan ou contra pedras aplanadas foi a forma máis primitiva da malla. Mais na tradición galega é posíbel que se teña máis presente a producida co golpe do mallo, un aparello formado por dous paus atados cunha correa.

O mallo tivo tamén a súa propia historia, chegando a empregarse como instrumento de defensa e evolucionando nalgúns países coma no Xapón até transformarse nunha arma coñecida como nunchaku. As máquinas chegaron e o perfeccionamento de ferramentas como a malladora simplificaron a tarefa  e deixaron nun segundo plano o traballo físico dun labor que sempre estivo moi ligado á cultura, ás cantigas e á tradición oral. 

Moitas das eiras nas que se facía a sega eran comunais e cada familia contaba coa súa parcela nunha actividade na que participaba case todo o pobo e que chega agora á Romaría Labrega da Chaira para recrear non só un oficio labrego, senón un ambiente, unha tradición e unha cultura. 
 

Comentarios