Máis

O verán máis fresco en augas cristalinas

A natureza ofrece múltiples ferramentas para aliviar as xornadas máis tórridas e combater as altas temperaturas que caracterizan a tempada estival. As opcións máis refrescantes, ademais das praias, son as pozas e as piscinas naturais que se forman no corazón dos bosques galegos. A continuación achégase un itinerario que visita lugares virxes nos que poder gozar do verán.
Dupla pozas
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Corga da Fecha, pozas de Vilameá, pozo Negro, río Cal, pozas de Loureza, pozo do Arco, pozas de Mougás, poza Moura, pozas de Melón, fervenzas de Tourón, piscinas de Parrelos, pozas do río Xesta, piscina natural río Barosa, pozas de Segade, fervenza do Toxa, pozas do río Pedras, pozas de Noveira, Caldeiras do Castro, poza de Vilagocence e pozas do Río Belelle. / Nós Diario

As pozas e as piscinas naturais reveláronse nos últimos tempos non só como unha alternativa á masificación das praias, senón como un tesouro natural do país en si mesmo.  Estes espazos naturais sitúanse perto de fervenzas que os abastecen de auga e que os converten en espazos de gran valor ecolóxico.

Ao longo dos séculos, os ríos que discorren por todo o país foron cicelando as paisaxes até convertelas en paraísos de auga e pedra nos que existe unha ampla biodiversidade. Algunhas pozas conservan a súa fisionomía orixinal, mentres que outras sufriron alteracións pola actividade do ser humano. 

Nós Diario visita unha selección de 20 pozas e piscinas naturais espalladas por toda a xeografía galega.

— Corga da Fecha

A fervenza da Corga da Fecha, en Lobios (Baixa Limia) é un salto de auga situado no interior do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés que constitúe unha serie de pozas ao seu paso. 

— Pozas de Vilameá

En Lobios tamén se atopan as pozas de Vilaméa. Este recinto posúe un gran atractivo turístico, derivado da súa accesibilidade e boas vistas. As súas augas cristalinas atraen cada ano centos de persoas. 

— Pozo Negro

Tamén en Lobios se pode visitar o Pozo Negro, un enclave natural desde o que observar a fervenza do río Salas.

— Río Cal

O río Cal forma unha especie de poza na zona de Burgueira, en Oia (Baixo Miño). Perto de alí atópase a ruta dos Muíños do Folón e do Picón, un conxunto de 67 muíños construídos entre os séculos XVII e XVIII.

— Pozas de Loureza

Seguindo en Oia, atópanse as pozas de Lourenza, que beben do leito do río Tamuxe, un afluente do Miño. Constitúen unha paisaxe idílica presidida polas augas cristalinas que aí se estancan.

— Pozo do Arco

Tamén en Oia, o pozo do Arco    é unha paisaxe máxica que debuxa o río Tamuxe na serra da Groba. Trátase dunha área recreativa formada por unha senda con varias pasarelas de madeira e unha ponte.

— Pozas de Mougás

Sen moverse de Oia, as pozas de Mougás forman parte da Ruta máxica desta vila. Perto de alí atópanse varias estacións de petróglifos dun alto valor etnográfico. 

— Poza Moura

A poza Moura localízase no concello de Vilariño de Conso (comarca de Viana). Este depósito de auga bebe do río Cenza, que nace na serra da Queixa e que cae en forma de fervenza.

— Pozas de Melón

As pozas de Melón, no concello homónimo (O Ribeiro) nace froito das pendentes e desniveis que salva o río Cerves ao longo do seu curso.

— Fervenzas de Tourón

As fervenzas de Tourón, tamén en Melón, forman fermosas pozas nunha paisaxe presidida polas rochas.

— Piscinas de Parrelos

As piscinas naturais de Parrelos, no Covelo (A Paradanta), localízanse aos pés da fervenza que recibe o mesmo nome.

— Poza do río Xesta

A poza do río Xesta, na Lama (comarca de Pontevedra) é un espazo singular que forma parte da ruta de sendeirismo  chamada Tras os pasos do río Xesta, un percorrido circular duns 7,5 quilómetros.

— Piscina natural río Barosa

En Barro (comarca de Pontevedra) atópase a piscina natural do río Barosa, que está moi perto dunha zona recreativa e dun conxunto de muíños que empregaban a forza do río para desenvolver a súa actividade.

— Pozas de Segade

As pozas de Segade atópanse en Caldas de Reis (comarca de Caldas). Constitúen un paraíso fluvial integrado na Ruta da Auga, un percorrido duns 5 km que rodea esa zona.

— Fervenza do Toxa

A fervenza do río Toxa, localizada no concello de Silleda (O Deza), abastece unha ampla rede de piscinas naturais na zona do Mosteiro de Carboeiro. 

— Pozas do río Pedras

As pozas do río Pedras son un conxunto de magníficos estanques situados na Pobra do Caramiñal (O Barbanza).

— Pozas de Noveira

As pozas de Noveira están en Mazaricos (Xallas). Fórmanse a partir da fervenza homónima que brota do río Arcos e teñen unha cor turquesa característica.

— Caldeiras do Castro

As Caldeiras do Castro, en Muxía (comarca de Fisterra) son piscinas naturais que reciben o nome de caldeiras porque o río erosiona a contorna e dá lugar a formas que lembran potas.

— Poza de Vilagocence

A poza de Vilagocence sitúase na Fonsagrada. Desde aí pódese observar a fervenza do río da Porteliña, unha caída de 54  metros de altura, considerada a máis alta da Galiza.

— Pozas do Belelle

As pozas do río Belelle nacen ao pé da fervenza do mesmo río en Neda (Ferrolterra). Son un conxunto de piscinas naturais rodeadas dunha exuberante vexetación autóctona.

Comentarios